ORLANDO GONZáLEZ, MéDICO E ALCALDE DE MONDOñEDO

"Cando cheguei ao accidente da A-8 o que vin era dantesco"

Perante o anuncio de novas medidas de seguridade, máis eficaces, que promete Madrid desde o Ministerio de Fomento pregúntase "por que non se fixo antes?".

Orlando
photo_camera Orlando González [Imaxe Concello de Mondoñedo]

Após saber do accidente na autovía, Orlando González (BNG) acudiu até o lugar dos feitos en calidade de médico para "oferecer os meus servizos sanitarios" e "como alcalde" para saber do acontecido. Describe o que viu nada máis chegar como "dantesco" e asegura que de non teren saído dos vehículos as persoas accidentadas "estariamos a falar de moitos máis mortos".  

González reclama que se mellore o trazado da N-634, pola que se despraza a maior parte da veciñanza, e que sexa empregada como "vía secundaria" cando as condicións de seguridade non sexan boas na A-8.

Como soubo vostede do accidente?
Chamoume a tenente de alcalde e díxome que se producira un accidente de tránsito na A-8. Marchamos decontado para alí. Eu son médico e fun oferecer os meus servizos sanitarios e como alcalde a interesarme polas persoas que estivesen atinxidas. Tomamos a autovía desde Mondoñedo e non estaba cortado o tráfico. Sorprendeunos e mesmo pensamos que o accidente non sería moi grande se continuaba aberta. Mais ao nos achegar un rapaz fíxonos frear cun chaleque reflectante e pediunos que apartaramos o vehículo ao arcén. Cando lle dixen que era médico e puidemos achegarnos o que vin era dantesco.

"Sorprendeunos que o tráfico non estivese cortado e mesmo pensamos que o accidente non sería moi grande se a A-8 continuaba aberta"

Había coches enriba doutros e algúns estaban destrozados entre dous camións. Pensamos que habería moitas persoas mortas, mais conseguiran saír dos vehículos. Asistín a algunha delas por contusións e mesmo algún ataque de ansiedade. Falei co servizo de emerxencia e decidimos trasladar as persoas feridas a algún punto de atención sanitaria, primeiro de Mondoñedo, logo as máis graves foron remitidas ao Hospital de Lugo. Hoxe podemos falar de unha morta e dous feridos graves mais podería ter habido moitas máis se non tivesen saído dos vehículos, aínda que o certo é que a compañeira que morreu foi por baixarse a axudar. 

Cales foron as razóns do sinistro?
Esa autoestrada con néboa e con vento é prerigosísima. De feito, dous días despois de inaugurala había moito vento e aos camións erguíaselles o toldo. Hai moitas persoas que non a usamos e collemos a N-634. 

As críticas ao trazado sucédense desde antes da súa inauguración...
Naquel momento díxosenos que o sistema de néboa era o máis seguro. Non o dubido, mais coido que é insuficiente. O trazado da autovía xa foi respostado pol@s mindonienses no seu momento e, embora non ser técnico, no tramo de Mondoñedo atopáronse problemas por non ser un terreo firme, o que retrasou a súa inauguración. Xa naceu mal. Mais o que me sorprende é que se anuncien novas medidas de seguridade, máis eficaces. Por que non se fixo antes?

"O que me sorprende é que se anuncien novas medidas de seguridade, máis eficaces. Por que non se fixo antes?"

Porén, o que defendemos desde o concello é que se arranxe a N-634 como vía secundaria, e así llo trasladamos a Fomento. Esta estrada é a máis empregada por pola veciñanza e podería servir de vía alternativa se por cuestións de seguridade ou climatolóxicas se tiver que fechar a A-8. Iso faise cando hai neve, tamén se podería facer se as condicións non garanten a seguranza viaria polo vento ou a néboa. 

Coida que desde o Ministerio de Fomento se está a actuar a contrapé, como aconteceu co trazado ferroviario ao paso de Angrois? Alí tamén se mellorou a sinaléctica após o sinistro. 
Se hai métodos máis sofisticados o que eu me pregunto é por que non se puxeron antes. Porén, hai que mirar para adiante e ver cales son as medidas de seguridade que poderían mellorar as condicións da vía e valoralas. E se hai que fechar a autovía, que se feche. Mais para iso é preciso arranxar a N-634 e tamén a 124 [autonómica que conecta os concellos de Mondoñedo, Pastoriza e Riotorto] o que se nos dixo desde a Xunta é que non hai cartos, mesmo despois de se acordar un proxecto de investimento de 4 millóns 400 mil euros como nos prometeu Agustín Hernández aos tres concellos concellos. 

Comentarios