As candidaturas de Más País na Galiza para o 10N nútrense de excargos de Podemos

Daniel Liceras, ex responsábel de Medio Ambiente de Podemos Galiza, encabezará a lista dos de Errejón por Pontevedra.

igo Errejón_Podemos
photo_camera igo Errejón_Podemos

Daniel Liceras Pascual, que fora responsábel de Medio Ambiente en Podemos Galiza, vai ser quen encabece a candidatura de Más País por Pontevedra. A outra lista dos de Iñigo Errejón que se presenta ao 10N no noso país é pola Coruña e leva de número 1 a Carolina Bescansa.

A iniciativa de Errejón na Galiza conta deste xeito con varios integrantes da cúpula de Podemos no noso país. Ademais de Liceras e Bescansa, aparecen nas listas ex integrantes do Consello Cidadán como Natalia Prieto Fernández e Rogelio Santos Queiruga (irmán de Carmen Santos, ex secretaria xeral de Podemos Galiza e aínda deputada autonómica), que dimitiron esta mesma semana.

A lista por Pontevedra ao Congreso encabezaraa o xestor ambiental Daniel Liceras Pascual, seguido por Eduardo Alfonso Ortiz Prezado, Ruth Vallejo Vidal, Laura Villaverde Rodríguez e Sergio Míguez Belo. Nesta circunscrición non figura candidatura para o Senado.

Por parte da Coruña, tras Carolina Bescansa están Natalia Prieto, Bieito Cambeiro Porrua, Eduardo Martínez Neto, José Manuel Romarís Cercós e Rogelio Santos Queiruga como candidatos á Cámara Baixa. Ao Senado, Olga Dourado González, próxima a Bescansa, aparece como candidata única, con Manuel Iglesias e Fabiana Beatriz García Porto de suplentes.

Más País publicou este domingo as listas de candidatas para as eleccións estatais do 10 de novembro e abriu na súa páxina web a votación para que as inscritas as ratifiquen. En concreto, segundo informou na súa conta de Twitter o partido que lidera Íñigo Errejón, as máis de 20.600 persoas inscritas de Más País teñen até as 22,00 horas deste domingo para votar a ratificación das listas.

Comentarios