As candidaturas do BNG recollen o apoio do 92 por cento da militancia

Respaldo abrumador das bases do Bloque ás listas coas que a formación frentista concorrerá ás eleccións galegas do outono e que este sábado foron aprobadas polo seu Consello Nacional. As candidaturas recolleron o apoio do 92% das persoas militantes. "Son os rostros da alternativa do BNG", dixo Ana Pontón.

CABEZAS DE LISTA CANDIDATURAS BNG Eleccións Galegas 2016

O BNG irá ás eleccións cunhas listas dotadas dun enorme respaldo por parte da súa base militante e tamén por parte do seu máximo órgao de dirección, o Consello Nacional. De feito, foron aprobadas sen nengún voto en contra.

Nunha comparecencia perante os meios, a candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, afirmou que as listas representan "os rostros da alternativa do BNG nas vindeiras eleccións". Pontón estivo acompañada por: Luís Bará, número 1 por Pontevedra; Olalla Rodil, Lugo; Noa Presas, Ourense; e Xosé Luís Rivas, Mini, número 2 por A Coruña.

A xuízo do Bloque, as súas candidaturas combinan "renovación e experiencia" e son un fresco da sociedade galega contemporánea. Tal e como afirma nun comunicado de imprensa, as candidaturas recollen "persoas de toda as idades e de todos os ámbitos profesionais e produtivos, desempregados ou precarizados, persoas implicadas na transformación dos concellos desde o traballo municipal, en plataformas en defensa da sanidade, do ensino, do feminismo, no ecoloxismo, comprometidas coa cultura e a lingua, na defensa de dereitos básicos e dos servizos públicos".

A proposta básica do programa do BNG? "Autoresponsabilizarnos do noso futuro", puxo en destaque Ana Pontón

O BNG ten os deberes bastante feitos á estas alturas da precampaña, enfatizou Pontón. É a primeira forza política en elixir candidatas e o proceso de confección do programa eleitoral -que coordenan Néstor Rego e Noa Presas- "está moi avanzado".

A candidata do Bloque avanzou que o programa eleitoral é moi "ambicioso" e parte dun presuposto básico, o de que Galiza ten capacidade para saír adiante e deixar atrás as "desastrosas políticas" da dereita e da UE.

A proposta basica do programa? "Autorresponsabilizarnos do noso futuro", puxo en destaque Ana Pontón, quen salientou a aposta do BNG na innovación, no talento, no impulso dos servizos públicos e na promoción e políticas de igualdade.

Feijóo tamén apareceu en cena no discurso de Pontón. Os dardos dialécticos da candidata nacionalista ao presidente da Xunta tiveron como argumento o brutal aumento da débeda pública baixo a súa xestión -triplicouna- e "ter sido capaz de fallecer máis dano ao país en sete anos que Fraga en dezaseis".

Recoñecemento ao grupo parlamentario

Alén do mais, o Consello Nacional expresou o seu recoñecimento ao traballo do grupo parlamentar nesta lexislatura, recoñecimento que Ana Pontón quixo exemplificar na figura do seu portavoz Francisco Jorquera, ao que cualificou de "mellor deputado dos últimos anos" e do que dixo que é "unha persoa xenerosa, un referente do que aprendín moito ao longo destes anos".

Comentarios