A de Bruzos apela á continuidade do proceso

A candidatura de Villares acata a suspensión das primarias

Coidando a Casa, a candidatura encabezada por Luís Villares, dá por suspendidas as eleccións primarias ante a resolución da Comisión de Garantías, que apreciou irregularidades no censo de inscritas e inscritos. Entre Todas, a lista encabezada por David Bruzos, continúa co calendario previsto e ás 12 horas valorará a xornada electoral.

[Imaxe: En Marea Pontevedra] Un acto público de En Marea
photo_camera [Imaxe: En Marea Pontevedra] Un acto público de En Marea

Pasadas as 00 horas, despois de que a Comisión de Garantías de En Marea –órgano próximo a Luís Villares– resolvese suspender as eleccións primarias convocadas para esta fin de semana e despois de que o Comité Electoral –afín ao sector crítico– se pronunciase en contra desa resolución e advertise publicamente que o proceso continúa, Coidando a Casa, a candidatura encabezada por Luís Villares, enviaba un comunicado de imprensa para anunciar que acata a suspensión das primarias.

Coidando a Casa, que alude á “gravidade dos feitos”, pon de manifesto “o noso respecto e acatamento á decisión adoptada pola Comisión de Garantías como máximo órgano que vela polos dereitos das persoas inscritas na marea”.

A candidatura de Villares ponse “a disposición” tanto da Comisión de Garantías como do Comité Electoral “para todo aquilo que estes órganos puidesen precisar para a máis rápida solución das situacións descritas”.

“Agardamos unha pronta resolución dos problemas técnicos para culminar o proceso de votación coa maior celeridade e normalidade posíbel”, conclúe o comunicado.

Reaccións

Na mañá do sábado hai previstas dúas intervencións que porán luz na fenda aberta en En Marea. O primeiro en comparecer será Gonzalo Rodríguez, membro da Coordinadora do partido e persoa próxima a Luís Villares, ás 11.30 horas. Media hora após será a quenda de David Bruzos, cabeza de lista de Entre Todas, que valorará, segundo se indica na convocatoria aos medios, “a xornada electoral”.

Fontes da candidatura de Bruzos confirmaron a Sermos Galiza que dan por válido o parecer do Comité Electoral, ao entender que é a este órgano e non á Comisión de Garantías, a quen lle compete velar polo desenvolvemento do proceso de eleccións ao Consello das Mareas. Estas mesmas fontes aseguran que as inscritas e inscritos poden votar con normalidade desde as 9 horas deste sábado.

Irregularidades denunciadas pola Comisión de Garantías

Nun comunicado de imprensa remitido aos medios na tarde do sábado, a Comisión de Garantías ditaminaba a “suspensión temporal do proceso de elección ao Consello das Mareas e da Comisión de Garantías”. Facíao pola “imposibilidade de acceso ao censo do responsábel legal ante a Axencia Española de Protección de Datos durante 24 horas, motivo polo que hai unha auditoría en curso” e pola “imposibilidade técnica para que figurasen na papeleta electrónica o nome de todas as integrantes das distintas listas que concorren en dito proceso”. Tamén aludiu este órgano á “imposibilidade técnica de realizar todas as probas de seguridade e as simulacións de voto coa versión da papeleta electrónica definitiva”, ao “descoñecemento dos locais de votación a menos de 24 horas para comezar a votación” e á “imposibilidade de informar as persoas inscritas da situación e horarios de apertura dos locais de votación”.

No mesmo comunicado, a Comisión de Garantías puña de manifesto que a votación se desenvolvería “á maior brevidade posíbel”  e que mentres finalizarían e avalirían os resultados da auditoría en curso; acadarían unha “solución técnica para a papeleta electrónica onde figuren todos os nomes das integrantes das distintas listas”; realizarían probas de seguridade e simulacións de voto coa papeleta de voto definitiva; porían en coñecemento das inscritas e inscritos os locais de votación e os horarios e solventarían “as incidencias das que teña constancia o Comité Electoral das persoas inscritas”.

Comentarios