"Continuísmo" das políticas de Feixoo ao "estilo Rueda": o candidato a presidir o PPdeG avanza o seu proxecto político

"Cada un ten o seu estilo e eu teño o meu propio. O estilo de Feixoo, que era boísimo, terá continuidade, mais tamén haberá estilo Rueda", apuntou o aínda vicepresidente da Xunta.
Alfonso Rueda entrega os 7.000 avais que recolleu para a súa candidatura na sede do PPdeG, esta quinta feira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda entrega os 7.000 avais que recolleu para a súa candidatura na sede do PPdeG, esta quinta feira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O vicepresidente primeiro da Xunta e líder do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, entregou esta quinta feira máis de 7.000 avais para formalizar a súa candidatura a liderar o PPdeG após o salto á política estatal de Alberto Núñez Feixoo, que avanzou na cuarta que esta semana dimitirá oficialmente como presidente do Goberno galego.

Antes de dirixirse ao Consello da Xunta, o último que preside Feixoo, Rueda fixo unha parada na sede do partido na Galiza, onde entregou as sinatura que sustentan a súa candidatura, que será a única, tras recibir o respaldo dos outros tres presidentes provinciais e principais dirixentes do PPdeG, tamén reflectido nos avais.

As máis de 7.000 sinaturas entregadas, cuxa división por circunscricións é proporcional ao peso da militancia en cada unha delas. "Non somos o PSOE ou o Bloque", esgrimiu Rueda, quen, logo de entregar os avais ante membros da comisión organizadora do congreso que preside a líder do PP de Lugo, Elena Candia, apuntou que el protagoniza unha transición desde "a unidade".

Sobre como enfocará o seu proxecto político, avanzou certo grao de "continuísmo" dado que "hai moitas cousas boas que recoller" a partir do "estilo Feixoo", un plan de partido que foi "unha fórmula de éxito" e do que el mesmo fixo parte.

De feito, foi o seu primeiro secretario xeral, cargo que deixou en 2016 para tomar as rendas do PP de Pontevedra e dar paso no cargo a Miguel Tellado. Porén, tamén prevé imprimir o seu propio estilo, "o estilo Rueda", algo que deu por feito que "loxicamente todo o mundo entenderá". "Cada un ten o seu estilo e eu teño o meu propio. O estilo de Feixoo, que era boísimo, terá continuidade, mais tamén haberá estilo Rueda", dixo.

Ese "estilo Rueda" verase nun proxecto político para o que resulta chave coñecer como concibe a organigrama da nova dirección, cun cargo fundamental no PPdeG, o da secretaría xeral, que ocupará "unha persoa que coñece ben o partido" e "con dispoñibilidade para traballar intensamente".

Defendeu que hai "moitos cargos" que se poderían axustar a este perfil, mais buscará a persoa "idónea" e irá revelando como confecciona o seu equipo conforme se avance cara á data do 18º Congreso do PPdeG, que decorrerá os días 21 e 22 de maio en Pontevedra, dado que aínda, dixo, "é moi cedo".

Comentarios