A candidatura de Pontón formalízase como a única para a XVII asemblea do BNG

A actual portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego concorre soa á votación do vindeiro domingo 7 de novembro. A proposta para a militancia recolle catro cambios na executiva derivados de saídas por decisións persoais.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante o Consello Nacional. (Foto: BNG)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante o Consello Nacional. (Foto: BNG)

Após un período de reflexión persoal, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciaba a finais de outubro que presentaría a súa candidatura para revalidar o liderado do partido na XVII asemblea. Malia que naquel momento existía tempo para que concorreran outras opcións, vén de oficializarse que a listaxe de Pontón será a única no cónclave deste domingo día 7.

Dada a carencia de oposición nesta carreira á portavocía nacional do Bloque, agárdase que a dirixente sexa reelexida por terceira vez.

A listaxe que encabeza ten catro cambios para a executiva que se corresponden co mesmo número de saídas vinculadas a decisións persoais.

O Consello Nacional aprobou a súa proposta co deputado Luís Bará como número 2. Séguenlles -por orde- Xabier Campos, Rubén Cela, Carme da Silva, Olaia Ledo, Bieito Lobeira, Lucía López, Manuel Lourenzo, Breixo Lousada, Ana Miranda, Lois Pérez, Montse Prado, Noa Presas, Néstor Rego, Xosé Luís Rivas 'Mini', Olalla Rodil, Goretti Sanmartín e Eva Villaverde.

Este grupo de traballo está composto por nove homes e dez mulleres e ten un marcado carácter continuista dentro do partido. Ademais, só se dan eses catro cambios: Susana Camba, Duli Diniz, Xosé Manuel Marcote e Xosé Emilio Vicente dan paso a Lucía López, Breixo Lousada, Lois Pérez e Manuel Lourenzo.

A asemblea do domingo, na que se elixirá o novo órgano de decisión entre asembleas, tamén renovará os documentos políticos e os orgánicos, no que se incorpora un protocolo interno contra a violencia de xénero e eliminarase o límite de tres mandatos para os cargos.

Máis de 3.000 militantes están chamados a votar no acto que decorrerá no Coliseo da Coruña.

Á conquista da Xunta

Unha vez pasado o trámite desta fin de semana, a equipa de Pontón comezará a traballar nas liñas que ela mesma explicou no momento de comunicar a súa candidatura.

É dicir, asúmese o "reto" de gañar as eleccións e acceder á Xunta da Galiza en 2024, porque "por primeira vez" considera que as e os nacionalistas están en "condicións de disputar a hexemonía ao PP".

Comentarios