Candidatura de país, o movimento do BNG que muda o taboleiro

A proposta do BNG non é unha proposta máis: fai historia, o Bloque por vez primeira formula a hipótese de ir a unhas eleccións sen as súas siglas, sen a súa marca. É arriscada, mas estamos en tempos de arriscar. E muda o taboleiro.

Foto de arquivo do Consello Nacional do BNG
photo_camera Consello Nacional


Unha candidatura nacional galega de unidade. Unha candidatura para Galiza dispor dun grupo parlamentar propio. Mais non un grupo parlamentar calquera, senón un que vaia a Madrid a defender abertamente o dereito de autodeterminación da nación galega.

Esa é a proposta do Bloque Nacionalista Galego ou, para sermos máis exactos, a proposta que emanou das asembleas abertas convocadas polo BNG estas semanas atrás, con participación nada desdeñábel de persoas non afiliadas á fronte nacionalista.

É un movimento inédito, de longo alcance.

Nada hai que enfastíe máis os xogadores de xadrez ortodoxos que se enfrontar a variacións tácticas nas aperturas, nos primeiros movimentos das partidas. Só os xenios, tipo Kasparov ou o novísimo Carlsen, gozan con abrir novos camiños, desviarse do convencional e aprofundar en fendas novidosas. No taboleiro, desta volta o Bloque ensaia unha apertura tan orixinal que non se xogou nunca, non está en ningún banco de dados. A partida, que se xoga en simultáneas, exixirá unha resposta tamén novidosa, á altura do desafío. 

Propón o BNG que quen entrar na candidatura de país -que será un partido instrumental, isto é, que terá personalidade xurídica propia-, deixe as siglas e a marca na porta, e que asine un compromiso, o de que a única soberanía desa candidatura, e do futuro grupo parlamentar, será a galega. Esta condición é doada de asumir por aqueles que se definen como nacionalistas (Anova, Compromiso), mas coloca en principio un certo problema ás organizacións galegas das forzas políticas estatais, atadas polo principio do centralismo democrático que, sexan leninistas ou non, vigora na práctica totalidade dos partidos, até no propio PP.

Desta volta o Bloque ensaia unha apertura tan novidosa que non se xogou nunca, non está en ningún banco de dados

Leremos ad nauseam expresións como folla de rota ou liñas vermellas nas semanas e meses que temos por diante antes do desenlace desta historia, mais en principio é evidente que a forza política da esquerda española emerxente, Podemos, non ten nengunha vontade política de aparcar a súa sigla, a súa marca, neste proceso eleitoral. Se De Gaulle se pensaba a si mesmo como a representación da Franza, Pablo Iglesias se pensa a si mesmo como a representación da Unidade Popular, encarnada na organización que con man ferreña dirixe. A súa displicencia cara Izquierda Unida -veu dicer algo así como que se presenten en solitario a ver cantos votos teñen- relévame de máis comentarios. Podemos será Podemos en España e será Podemos-Outra Cousa en Valencia, Catalunya e Galiza (en Euskal Herria, non parece que haxa Outra Cousa que engadir á mochila). Ese é o campo de xogo delimitado pola dupla Iglesias-Errejón. Agora na Galiza buscan a quen lle endosar o nome de Outra Cousa. Xa sabedes: talvez non sexamos unha nación con dereito á independencia, o que si somos é unha Particularidade, así que aquí Podemos si accede a compartir marca con other thing, you know.

Fechada a porta de Podemos, encastelada no fetiche da súa marca, a pelota cae no tellado basicamente de Anova. Que vai facer a organización de Beiras e Martiño Noriega? Apostará na candidatura de país pola que advogan o BNG e as Asembleas Abertas ou será a Outra Cousa que lle propón implicitamente ser Pablo Iglesias? 

Isto ponse muito interesante, agardemos os próximos movimentos sobre o taboleiro, a ver se hai sorte e ninguén se enroca en posicións convencionais, esas que Kasparov e Carlsen detestan por mil veces transitadas, esas que Deep Thought e demais computadores adoran por ser facilmente desmontábeis.

Comentarios