Competirán con Ourense en Común

Ourense Mellor súmase a En Marea e agardan lograr o cambio na deputación

En Marea e a candidatura Ourense Mellor asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de sumar esforzos e lograr un cambio de goberno na Deputación de Ourense.

en_marea_ourense
photo_camera Ourense Mellor

Luís Villares amosou o apoio de En Marea á candidatura Ourense Mellor, e efectuouse coa sinatura dun convenio de colaboración entre ambas forzas. En declaracións aos medios, afirmaron que están a traballar en sumar esforzos para “desterrar prácticas caciquís e impulsar un proxecto ao servizo das persoas na deputación provincial”.

Luís Villares, portavoz de En Marea, asegurou querer “un Ourense mellor nunha provincia mellor" e afirmou que están a traballar na suma de esforzos nos municipios de Ourense para alcanzar representación na deputación e poder efectuar un cambio no goberno desta institución. Nesa liña, Villares avanzou que están a centrarse “na unión de forzas das distintas mareas da provincia, que queren unha alternativa ao caciquismo ao que nos ten acostumados Baltar".

O candidato de Ourense Mellor á alcaldía, Etelvino Blanco, salientou os valores compartidos con En Marea e fixo un chamamento ao entendemento, asegurando que continuarán “abertos até o último día” par conseguir a unidade da esquerda para lograr ese “Ourense mellor” ao que aspiran. Mais polo de agora, a cita electoral de maio terá na cidade de Ourense dúas candidaturas rivais do denominado espazo das mareas.  

Así, a candidatura Ourense en Común, encabezada por Martiño Vázquez e que conta co apoio da dirección de Anova, competirá coa plataforma Ourense Mellor, que vén de ser respaldada por En Marea.

Comentarios