A candidatura oficial gaña as primarias de En Marea co 58 por cento dos votos

A lista encabezada por Luís Villares gañou as primarias de En Marea co 58,66 por cento dos apoios. Somos Quen obtivo 25,26 por cento e Queremos Participar, 16,08. A participación ficou en 82,2 por cento.

Primarias En Marea

A lista que encabeza Luís Villares obtivo 58,66 por cento do voto nas primarias de En Marea, o que lle outorga 21 dos 35 asentos en xogo no Consello das Mareas, o máximo órgao da confluencia entre asembleas.

En segundo lugar ficou Somos Quen, a candidatura encabezada por Davide Rodríguez, parlamentar de Anova e ex alcalde de Manzaneda, que se fixo co 25,26 por cento e 9 postos no Consello das Mareas.

Finalmente, a candidatura Queremos Participar, liderada pola ex parlamentar Consuelo Martínez e nucleada arredor de Cerna, obtivo o 16,08 dos apoios, o que se traduce en 5 asentos no Consello das Mareas.

A participación superou un chisco 80 por cento, ao se situar en 82,2 por cento. Traducido a votos, de 1.903 persoas inscritas no censo exerceron finalmente o seu direito ao sufraxio 1.565, 1.524 apoiaron algunha das tres candidaturas en liza e 41 optaron polo voto en branco.

En todo caso, a participación estivo a anos luz da rexistada nas primarias para a escolla das candidaturas para as eleccións ao Parlamento galego de setembro pasado, daquela votaran un total de 10.143 persoas.

A candidatura oficial, a que se apresentaba baixo o carimbo de Máis Alá, obtivo un total de 894 votos, face os 385 de Somos Quen e os 245 de Queremos Participar.

O Consello das Mareas vai ficar constituído polas seguintes persoas:

  • Máis Alá: Luís Villares Naveira, Maria Victoria Esteban Riesco, Xose Manuel Beiras Torrado, Gladys Alfonso Lobato, Iago Martinez Durán, Noemi Prados Ansede; Javier Octavio de Toledo Delgado; Sara Torreiro Rodríguez; Pedro José Rivera Rodríguez; Ana María Seijas Baranauskas Rafa Dopico Carballeira; Elena Cores Leiro; Borja San Ramón Tizón; Paula Rodríguez Domínguez; Adrián Fuenteseca Fernández; Sara Outeiral Cameán; Mariano Enrique Fernández Cabarcos; Oriana Mendez Fuentes; Gonzalo Rodríguez Rodríguez; Thais Rivera López e Ares Jimenez Soria.
  • Somos Quen: David Rodríguez Estévez; Iria Morgade Valcárcel; Modesto Renda Santiso; María Esther Duro Rodríguez; Alfonso Diz Dieguez; Sonia Vidal Llamas;  Pablo Alonso Pérez (Patxi); Mónica González Fernández e Xurxo Triñanes.
  • Queremos Participar: Consuelo Martinez García; Mario López Rico; Paula Vázquez Verao; Francisca Rodríguez Rodríguez e Iris Malvido Lago.

E a Coordenadora?

Ficaría agora por nomear os membros da Coordenadora, o máximo órgao executivo da confluencia. A este respeito, o regulamento das primarias di dúas cousas á vez. Primeira, que cada candidatura debía apresentar unha proposta de Coordenadora con once nomes (Máis Alá fíxoo, son os once primeiros da súa lista) e, segunda, que, nun momento posterior ao acto eleitoral das primarias, Consello das Mareas nomeará os membros desa coordenadora executiva.

En principio, o espírito do regulamento parece indicar que os 11 nomes serían os 11 nomes da candidatura gañadora -fontes do comité eleitoral dixeron a Sermos a ese respeito que "nas primarias se votaron candidaturas con cadanseus Documentos Políticos e os Documentos Políticos son indivisíbeis"- mais fica aberta a posibilidade dunha eventual integración de persoas das candidaturas críticas sendo que se fai descansar no Consello das Mareas a competencia de "nomear" os membros da executiva.

A redacción é suficientemente flexíbel como para permitir diversas interpretacións. Realmente caben dúas, a de que o Consello das Mareas se debería limitar a ratificar a coordenadora da candidatura gañadora (por iso o regulamento utiliza o verbo "nomear" e non "elixir") ou a de que no máximo órgao da confluencia se poderían estabelecer conversas para ir a unha dirección máis plural e non conformada exclusivamente por integrantes da lista oficial.

Comentarios