Candidatura do Povo exixe responsabilidades polo roubo do Códice

A formación política ten que presentar un aval por 100.000 euros para estar presente como acusación particular no caso do Códice Calixtino. Suso Irago, Cristina Nogueira e Ricardo Picáns falaron hoxe en conferencia de prensa sobre o tema.
Protesta Candidatura do Povo sobre o Roubo do Códice Calixtino en Compostela

Candidatura do Povo realizou hoxe un acto de protesta na Praza de Cervantes de Compostela e unha conferencia de prensa na libraría Couceiro para dar a coñecer a súa postura no tema do roubo e recuperación do Códice Calixtino. "Pensamos que o patrimonio non debería estar en mans da igrexa, os que tiñan que custodiar o noso patrimonio non o fan e deixano en mans de calquera, hai responsabilidades politicas", asegurou Ricardo Picáns diante dos medios de comunicación presentes. "A nosa obriga é pedir que se esclarezan esas responsabilidades, saberémolo no momento en que accedamos ao sumario", engadiu Suso Irago.

Para a Candidatura do Povo "o circo que están montando mesmo coa foto da entrega é unha vergonza". Sinalan que noutros países cando acontece algo semellante hai reaccións. "En Grecia cando desapareceron algunhas obras de arte o propio Ministro de Cultura presentou a dimisión, aqui non dimite nin Dios. Non me imaxino o que podería pasar se desapareceran as Meninas do Museo do Prado. Aqui non. Desaparece esta xoia e non pasa nada. Os mesmos que son responsábeis montan esta película co beneplácito de certos medios de comunicación", asegura Suso Irago.

Candidatura do Povo sospeita que a presenza na acusación no caso do Códice de Xunta e Cabido é "para defenderse si mesmos"


Outra das críticas de Candidatura do Povo foi para o xefe da policia. "Cada vez que fala chove para arriba", aseguraron. Tamén sinalaron ao presidente da Xunta de Galiza como "irresponsábel" polas súas declaracións nas que aseguraba que o feito de que se roubara o Códice Calixtino beneficiaba "o coñecemento da obra e da propia Catedral de Santiago".

Candidatura do Povo sospeita que a presenza na acusación no caso do Códice de Xunta e Cabido é "para defenderse si mesmos". Segundo Irago "é imposíbel que unha persoa estivera roubando ao longo de 20 anos e que eles non saiba nada. É imposíbel que o electricista sexa o único responsábel. Que trama hai aí? É o que queremos saber. Teñen unha responsabilidade por acción ou por omisión".

Comentarios