APROVEITAN O DíA PARA ESTAREN COAS FAMILIAS

Os candidatos e candidatas tratan de retomar a vida cotiá na xornada de reflexión

Os candidatos e candidatas das distintas formacións políticas aproveitaron a xornada do sábado para tratar de retomar a normalidade das súas vidas cotiás.

callon
photo_camera callon

Após a campaña electoral, pasar coa familia na xornada de reflexión foi a opción escollida por practicamente todos os candidatos e candidatas das distintas formacións que concorren ao 20D.

Por Nós Candidatura Galega, Carlos Callón aproveitou para asinar libros da súa última obra sobre Valentín Paz Andrade, coasinada con Pablo Filgueiras e recentemente publicada, no mercado de San Agostiño da Coruña, onde está a ter lugar a feira do libro e da lectura Abecedario. Na caseta da Libraría Suevia, o cabeza de lista pola Coruña explicou en declaracións aos medios que na tarde do sábado visitará Ribeira para estar coa súa nai, “xa teño ganas de vela; estes días, falei moito con ela por teléfono e algunha vez puiden facer unha escadiña, mais non puiden estar con ela todo o que querería”.

Tamén Carme Adán, cabeza de lista de Nós por Pontevedra, goza da familia na xornada do sábado. Após estar con Xián, o seu fillo pequeno, nun contacontos, xantou comida chinesa –en honor ao cativo, que é chinés- na súa casa para celebrar o seu aniversario, que foi o 16 de decembro. Ademais, Noa Presas, candidata por Ourense, citou para tomar un vermú as súas amizades e compañeiros e compañeiras para pasar a mañá con elas e Olalla Rodil, cabeza de lista por Lugo, desprazouse ao Chao de Pousadoiro, en Ribeira de Piquín, para descansar xunto á súa familia.

Por En Marea, Alexandra Fernández, candidata por Pontevedra, vai pasar a xornada do sábado na casa, xunto á familia, ao igual que David Bruzos, candidato por Ourense, quen aproveitou a mañá para levar a súa crianza ao parque infantil. Antón Gómez Reino, cabeza de lista pola Coruña, xuntou as amizades para tomar o vermú e gozará do tempo de lecer coa familia ao longo da xornada, mentres que Miguel Anxo Fernán Vello, candidato por Lugo, está a pasar o día xunto as súas amizades polo casco histórico de Lugo.

No que respecta ao PSOE, Pilar Cancela, número 1 pola Coruña, pasa a xornada do sábado en familia e aproveitará para facer unhas compras, ao igual que a cabeza de lista por Ourense, Rocío De Frutos. A número 1 por Lugo, Margarita Pérez, descansará após comer con compañeiros e compañeiras do partido en Riotorto e a número 1 por Pontevedra, Dolores Galovart, recibirá a visita de familiares que viven fóra do país.

Pola outra banda, Miguel Lorenzo, número 1 do PP pola Coruña, almorzou no hotel María Pita coas persoas que participarán o domingo como interventoras nas mesas electorais, xantará con amigos e paseará pola cidade. O número 1 por Lugo, Joaquín García, estará coa súa muller e coas fillas, que viven fóra, e paseará pola muralla.

Comentarios