PERFIL DE XAQUÍN FDEZ. LEICEAGA (PSdeG) | ELECCIÓNS GALEGAS 2016

Un candidato tan tenaz como discutido

Nesta nova parada na serie de perfís dos e das principais cabezas de lista rumo ao 25-S, facemos un breve percorrido polas máis de trés décadas de experiencia política do candidato socialista á presidencia da Xunta de Galiza.

Xaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta de Galiza
photo_camera Xaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta de Galiza

No seo do PSdeG, como no conxunto do PSOE a nivel estatal, as “baronías” –os e as principais referentes institucionais a nivel territorial–, xogan un peso determinante. Ou, no caso galego, xogaban. Xaquín Fernández Leiceaga (1961) é o candidato socialista á presidencia da Xunta de Galiza non xa sen contar co abrigo dos principais baróns, senón coa súa indisimulada oposición. Incluíndo sonoros plantóns durante plena campaña electoral.

A súa vitoria nas primarias socialistas fronte a Méndez Romeu foi inesperada

A vitoria de “Xocas”, como popularmente se coñece a Leiceaga, nunhas apretadas primarias fronte ao veterano Xosé Manuel Méndez Romeu, foi toda unha sorpresa. Se ben Leiceaga contaba co apoio da xestora galega, comandada polo sector leal ao ex secretario xeral Xosé Ramón Gómez Besteiro, e coa beizón da dirección federal e do propio Pedro Sánchez, sobre o terreo Méndez Romeu atesouraba o aval de pesos pesados internos como o vigués Abel Caballero ou a ferrolá Beatriz Sestayo, e concitou o apoio de familias tan dispares como a do ex ministro Francisco Caamaño ou o ex secretario xeral Pachi Vázquez. 

A súa inesperada designación como cabeza de lista pode acabar sendo a principal das súas vitorias neste proceso electoral, sendo que as enquisas apuntan a que a coligazón En Marea podería dar o sorpasso relegando a bancada socialista á terceira posición. No entanto, a súa travesía interna até a nominación describe un dos principais trazos que definen a Xocas: a tenacidade. 

De Leiceaga chama tamén a atención a súa discreción, que linda cunha timidez intermitente. Porén, este doutor en economía (USC), cun brillante currículo a nivel académico, ten no seu haber unha experiencia política de máis de tres décadas, que o forxan como un cadro experimentado desde a militancia base até a postulación á Presidencia da Xunta de Galiza. Nada menos.

Ex nacionalista 

O socialista non é o seu primeiro carné. Militou no nacionalismo desde o seu paso por Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), organización estudantil da que chegou a ser secretario nacional en 1981, e a súa primeira afiliación política foi no BNG, ao que se incorporou na súa mesma fundación en 1982. Nas dúas décadas que fixo parte do Bloque, que abandonaría en 2002 coincidindo co relevo de Xosé Manuel Beiras na portavocía nacional, asumiu diferentes responsabilidades, salientando o seu papel como tenente de alcalde en Noia, concelleiro en Compostela como parte do primeiro bipartito con Bugallo ou a secretaría de finanzas nacional do Bloque.

Antes do PSdeG,Leiceaga militou no nacionalismo galego máis de vinte anos

Após abandonar a fronte nacionalista, en cuxo interior fixo parte do colectivo Unidade Galega –capitaneado por Camilo Nogueira–, tardou apenas un ano en se enrolar no PSdeG, que o reincorporou na política municipal compostelá como superconcelleiro de Facenda e Orzamentos. Unha viraxe que o marcou durante anos, sendo obxecto de airadas críticas desde o nacionalismo. Home de confianza de Emilio Pérez Touriño foi tamén deputado no Parlamento galego de 2005 a 2012, chegando a exercer de voceiro do grupo parlamentar.

Reptos

A súa traxectoria desmente con feitos ese perfil aparentemente apoucado e gris. Porén, o repto que encara rumo ao 25S é duplo. A nivel externo, impedir o sorpasso e manter a marca galega do PSOE como segunda forza. E a nivel interno, sobrevivir –sexa cal for o resultado– ás tramas palacianas que xa están a armar os baróns para se cobrar a súa cabeza no congreso do PSdeG no que se elixirá nova secretaría xeral. En ambos os dous planos, o reputado economista terá moi difícil cadrar as contas.Con todo, infravaloralo pode saír caro, como aprendeu ás bravas o indómito Méndez Romeu.

Comentarios