mércores 05/08/20

O candidato de Podemos nas municipais de Lugo dimite da dirección galega polos resultados do 12-X

José Manuel Pérez Afonso 'Josito', era responsábel da área interna a nivel galego.

José Manuel Pérez Afonso 'Josito' (Foto: Podemos)
José Manuel Pérez Afonso 'Josito' (Foto: Podemos)

O candidato nas eleccións municipais de maio de 2019 de Podemos en Lugo, José Manuel Pérez Afonso 'Josito', presentou a súa dimisión como responsábel da área interna a nivel galego do partido morado, aínda que seguirá como secretario local da organización na Cidade das Murallas.

En declaracións a Europa Press, 'Josito' Pérez di que se vai "por responsabilidade e coherencia" despois dos resultados das eleccións galegas do 12 de xullo, nas que figuraba como número tres da coalición Galicia En Común-Anova Mareas pola circunscrición de Lugo.

Pérez cre que os resultados de En Común "foron un trompazo sen paliativos" para os que non caben "escusas" despois de que a alianza encabezada polo líder de Podemos Galiza, Antón Gómez-Reino, quedase forado Parlamento galego.

Así as cousas, considera oportuno dar un paso á marxe para deixar que as e os seus compañeiros de partido "sigan traballando" para "reconstruír o proxecto" da formación morada.

Con todo, 'Josito' Pérez continuará como secretario xeral municipal de Podemos en Lugo, cidade onde foi cabeza de lista nas locais de maio de 2019, nas que o espazo político rupturista concorreu dividido en tres listas. Ningunha delas logrou representación.

"Seguirei traballando no meu territorio", apuntou Pérez, que cre que a súa dimisión da executiva galega debe entenderse "como algo democrático e san".

Así as cousas, Pérez Afonso considera que Podemos Galiza ten agora que "construír unha organización centrada no territorio" e "escoitar ás bases", ademais de ter sempre "un pé na rúa".

comentarios