Candidatas de En Marea pasean polo areal de Samil para simbolizar o seu compromiso co meio ambiente

"Non podemos ter futuro e emprego no noso país senón entendemos que os nosos recursos son limitados", declarou esta quinta feira á imprensa Alexandra Fernández, número 1 por Pontevedra ao Congreso.

unnamed (1)
photo_camera Candidatas de En Marea


Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez -Anova e Podemos, número 1 e 2 de En Marea por Pontevedra, respectivamente- deixáronse ver esta quinta feira en Samil para amosar o seu compromiso coa defensa do meio e os recursos naturais da Galiza que, afirma a coligazón en nota de imprens, "están a ser esquilmados polo PP".

“Onte aínda estabamos falando coas mariscadoras da ría de Pontevedra e nos falaban das políticas do Partido Popular, que exterminan os recursos que non dan ningunha alternativa nin apostan por investigación nin innovación no noso país. Cremos que hai que facer políticas no sentido inverso ás do Partido Popular, que aposten claramente polos nosos recursos. En Galiza temos que competir na calidade e non en degradar os salarios nin en privatizar o mar”, afirmou Alexandra Fernández.

"En Galiza temos que competir na calidade e non en degradar os salarios nin en privatizar o mar”, afirmou Alexandra Fernández.

O coidado do meio ambiente ten a ver tamén cunha concepción distinta da política de infraestruturas, argumentou a candidata da  Marea, quen nese sentido apostou no ferrocarril de proximidade ou as estradas secundarias como os eixos que poderían "vertebrar realmente o noso territorio".

Fernández cargou contra as "políticas especulativas" do PP en materia de meio ambiente: “Privatizan o sol cando poñen ese imposto ao sol, o xa ex ministro Soria. Nós pensamos que o ben común é un recurso de todas e todos polo que propoñemos a remunicipalización de servizos. E o sentir do noso programa, pensar no beneficio da maioría e non so duns poucos”.

Comentarios