A campaña electoral vista polas bases

As bases son claves en toda campaña electoral. Sexa repartir propaganda, organizar material, saír ás pegadas ou facer músculo nos actos, a súa contribución acostuma a quedar nun segundo plano. Falamos con militantes do BNG, PP, PSdeG e En Marea para coñecer o seu punto de vista, sondear as súas sensacións a pé de mitin, a escasas horas para os comicios do 25 de setembro. 

Taboleiro electoral

Preguntámoslle por tres cuestións: como están a vivir a campaña por dentro (1), cales cren que son os puntos fortes da súa formación (2) e despois do domingo que resultado esperan alén de escanos e cifras (3).

Brais Ferreiro (BNG) 
19 anos, dous como militante

1.– Estou vivindo a campaña con moita ilusión, estou bastante satisfeito coa campaña que estamos levando no BNG. Penso que con máis pedagoxía que outras veces, algo que se botaba en falta. Vexo unha campaña na que o BNG está conseguindo remontar e penso que, desde o debate da TVG, que marcou un punto de inflexión, creo que gran parte da sociedade volveu mirar o Bloque cunha visión diferente a dos últimos meses, coa baixada de votos nas municipais e nas estatais.  

2.– Penso que as redes sociais están dinamizando bastante, con vídeos frecuentes como a conversa de Kiko Cadaval e Ana Pontón, o vídeo de campaña, ou sobre a supresión das peaxes e a creación dunha banca pública galega. Quero tamén destacar a caravana de mocidade galega, que está desenvolvendo Galiza Nova, percorrendo 40 localidades do país, unha iniciativa que chamou a atención á xente.

3.–  Agardo que os votos e escanos do BNG contribúan decisivamente a rematar coa maioría absoluta de Feijóo. Isto a curto prazo, xa que o proxecto do BNG é un proxecto de transformación do país que queremos e traballamos para que se desenvolva nun medio-longo prazo. obxectivo é igualar os resultados das últimas galegas, aínda que o contexto é diferente, con moito desgaste do nacionalismo, os medios de comunicación que non contribúen e a aparición doutras forzas.
 

Nazareth Cendán (PPdeG) 
33 anos, 15 de militante

1.– Tanto de forma individual como colectiva de forma moi intensa. Está sendo unha campaña dura, todos estamos a traballar moito. Consideramos que cada un dos votos son necesarios para que poidamos revalidar esa terceira maioría absoluta que tanto precisa Galiza. E moi rodeados de xente, sempre cos veciños, facilitando material e toda a mercadotecnia de campaña... Nese senso estamos todos especialmente comprometidos nestas catro semanas que levamos traballando.

2.– Eu destacaría a presenza de Feijóo en case todos os puntos de Galiza. Non só a campaña está sendo intensa, vimos dunha precampaña moi movida nos medios de comunicación. A idea de ir pobo por pobo, falando coa xente, e deixándote ver. Non só de cara o que se viviu estes últimos catro anos, tamén de cal é a nosa opción de futuro, o que vende e propón o Partido Popular ata 2020. A rúa, ese é o noso punto máis forte, sen dúbida.

3.– Espero que o PP revalide a terceira maioría absoluta, creo que é xusto e necesario. Que sigamos fortalecendo o futuro, dando pasos adiante e non cara atrás. Necesitamos unha Galiza próspera, un equipo serio e responsable, e non o que estamos a ver en cidades como a miña cidade, A Coruña, con situacións que persoalmente non nos gusta vivir. 
 

Adrián Borrajo (PSdeG) 
22 anos, catro como militante

1.– Con entusiasmo. Agora mesmo estamos facendo un reparto na zona do Couto, en Ourense, e a verdade que atopamos a xente apostando por un cambio.

2.– Recuperar a ilusión en que un cambio é posible en Galiza, pero especialmente en Ourense temos claras as posicións das nosas políticas contrarias ao PP. Nunha zona onde o caciquismo da saga Baltar está totalmente instaurado. E xa que son de Xuventudes Socialistas, facer un pouco de fincapé nas propostas que leva o PSdeG para a xuventude, como a gratuidade dos libros de texto. Unha das grandes propostas que levou Touriño no seu momento, e que o PP foi das primeiras cousas que quitou cando chegou o goberno, que agora queremos recuperar.

3.– O que está claro é que o PP vai seguir sendo a forza máis votada, pero ao marxe diso vemos que as enquisas dan unha maioría absoluta. Cremos que son enquisas, dito desta forma, pagadas por certos intereses. Nós vemos ganas de cambio, penso que o PSdeG será quen lidere ese cambio. Eu creo sinceramente que o próximo presidente vai ser Leiceaga.
 

Nicolás Legido (En Marea)
35 anos, tres militando en política

1.– Vimos de traballar conxuntamente nas campañas de decembro e xuño, e moi ben todo o que era a convivencia entre uns e outros, nun espazo tan complexo e amplo como é En Marea, e que aparentemente podería parecer que as discusións reinarían continuamente, non é así. En Vigo vimos de traballar coa Marea, nos coñecemos e xa sabemos como cooperar, o que facilita moito o traballo. Esta campaña en si está resultando bastante eficiente, despois de vivir dúas campañas algo caóticas, chegamos a esta cos erros do pasado aprendidos. A miña valoración é un notable alto.

2.– “O punto forte principal é a imaxe de unidade que estamos dando, deixando a un lado todas as diferenzas para loitar por un obxectivo común. Iso o representan moi ben as campañas. As diferenzas políticas que podemos ter, podemos postergar eses debates, quedan para un lado para traballar xuntos. É o punto máis forte, esta convivencia senta a base para a construción da organización nun futuro. Porque a nosa meta é esa, construír unha organización que se chame En Marea e vaia crecendo a partir dunha base sólida. E esa base só se consigue nas campañas, que é o espazo en común que temos para traballar. Por outra lado, ter compañeiros e compañeiras en diferentes puntos do Estado, de diferente repercusión mediática, fai que poidamos facer actos como o que fixemos en Vigo con Pablo Iglesias, Beiras, Xulio Ferreiro, as candidatas e Villares, coa xente entregada”.

3.– “A miña quiniela é que o PP non vai sacar maioría absoluta, tampouco por algo aberrante pero si que perde escanos. En Marea por diante do PSdeG, non me atrevería a dicir por canto, que é o obxectivo. E creo que o Bloque vai sacar un bo resultado. O maior damnificado vai ser o PSdeG e contra todo prognóstico o PP”.

Comentarios