A campaña electoral decídese tamén nas redes

As candidaturas que concorren este 25 de setembro intensifican a súa presenza virtual en busca de reforzar o perfil dos seus cabezas de lista, mobilizar o seu electorado e atraer a votantes indecisos. 

As redes sociais convertéronse durante os últimos anos nun escenario electoral que ningún candidato ou candidata quere desaproveitar. Por iso, as eleccións galegas deste ano xóganse tamén no espazo virtual, cunha intensa loita por amplificar o impacto mediático de cada proxecto político.  

Reforzar o perfil público dos seus cabezas de lista, mobilizar o seu electorado e atraer a votantes indecisos, son algúns dos obxectivos que perseguen as campañas nas redes. Analizamos as mensaxes das principais forzas que se presentan aos comicios galegos do 25 de setembro. 

Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia)

O actual presidente da Xunta e aspirante a unha terceira reelección non parte só con vantaxe segundo as enquisas, é tamén o candidato con máis seguidores e seguidoras nas redes. En Twitter conta con máis de 9.500 e en Facebook supera os 16.000 no seu perfil. Feijóo aposta en Twitter por mensaxes propias coas que lanzar as ideas forza da súa campaña, que intercala con rechíos a membros do seu equipo. Porén, o candidato do PP non acostuma a interactuar cos seus seguidores en ningunha das redes sociais. 

Destaca nestas primeiras xornadas de campaña o día 10 de setembro, durante o mitin central que compartiu en Pontevedra co líder popular Mariano Rajoy, onde se incrementou o seu impacto nas redes, segundo amosou a ferramenta 'O chiómetro!', desenvolvida para estes comicios por Gonzalo Rivero, científico social e estadístico especializado en política.


Ana Pontón (@anaponton)

A candidata do BNG á presidencia da Xunta é a aspirante máis próxima nas redes sociais e tamén das máis activas. Pontón combina mensaxes dos actos de campaña e notas de prensa elaboradas polo seu partido con noticias de prensa relacionadas con temas centrais do programa nacionalista e mensaxes máis persoais. En Twitter está preto de alcanzar os 6.000 seguidores e seguidoras mentres que en Facebook conta con case 5.000. Ao contrario que Feijóo, a aspirante do Bloque interactúa con frecuencia ás mencións.

Un exemplo da súa proximidade nas redes son os vídeos onde fala cara a cara aos seus seguidores. Este domingo, “antes de ir durmir”, pechou a xornada animando a seguir o debate entre candidatos na TVG e lanzando unha mensaxe a superar as enquisas. 


Luís Villares (@VillaresLuis)

O cabeza de lista de En Marea para o 25S empezou a mover os seus perfís públicos despois de resultar elixido como candidato da confluencia. Malia iniciarse nas redes recentemente, conseguiu xuntar un bo número de seguidores e seguidoras. En Twitter ten xa máis de 4.600 en apenas un mes. En Facebook case 4.000, moi activos á hora de compartir os seus contidos. As contas son xestionadas por el mesmo e polo seu equipo, como recoñece no seu perfil.

Villares utiliza diferentes estratexias en función da rede social. En Twitter acostuma a compartir as mensaxes dos seus mitins e actos electorais, mentres que en Facebook utiliza fundamentalmente o vídeo como ferramenta para chegar o electorado. Esta segunda feira, segundo 'O Chiómetro!', era o candidato con máis mencións nas redes ao comezo da mañá.


Xoaquín Leiceaga (@XoaquiFLeiceaga)

O candidato do PSdeG é o que menos presenza ten nas redes sociais. O seu perfil propio en Twitter conta con algo máis de 2.000 seguidores e seguidoras, mais non o actualiza desde o pasado día 9. Leiceaga centra a súa campaña virtual nun perfil criado 'ex professo' para estas eleccións (@Leiceaga2016 ), onde lanza mensaxes do seu programa político acompañadas de imaxes dos actos que realiza. Na súa páxina persoal de Facebook non chega aos 700 seguidores.


Xoán Bascuas (@Xoan_Bascuas)

O aspirante de Compromiso por Galicia conta cun bo número de seguidores nas redes. En Twitter ten case 4.000 e a súa actividade nos primeiros días de campaña centrouse en compartir as mensaxes lanzadas pola conta oficial da súa formación. En Facebook acada os 5.000, onde sube principalmente fotografías e convocatorias dos actos electorais.


Cristina Losada (@christinalosada)

A número un de Ciudadanos pola Coruña partía cun perfil coñecido nas redes. A súa actividade como xornalista e recentemente como escritora convértena na candidata máis seguida, con 6.400 en Twitter, só por detrás de Feijóo, onde aposta principalmente por rechouchiar os contidos da conta de Ciudadanos en Galiza. Cousa distinta ocorre en Facebook, onde a súa actividade de campaña é mínima e conta só con 700 seguidores e seguidoras.

Comentarios