Unha campaña con nubes e ‘Joker’

A primeira pegada da campaña electoral máis curta da democracia comeza na Galiza con ceos anubrados e mensaxes dunha esperanza cada vez máis negra, mentres en Catalunya a policía visita domicilios na súa propia campaña. Esta sexta, o día dos mortos, empezan os mitins coas enquisas encalladas desde hai semanas. Non se sabe que vai pasar. Como en Joker, a película que mellor retrata estes tempos. 
OOO
photo_camera Feixoo, Ana Pontón, Caballero e Yolanda Díaz, no inicio da campaña do 10-N.

Meteogalicia avanza un período de chuvascadas para os próximos oito días con temperaturas máximas nunca por riba dos 15 graos na media do país, unha campaña electoral de 192 horas en tempo de magosto. Unha campaña curta, fría, mollada e dislocada máis parecida a daquel 20-N de 2011, co Réxime’78 entrando en crise e que deu a última maioría absoluta a Raxoi e derivou un mes despois no máis salvaxe ataque aos dereitos laborais das traballadoras e traballadores desde o inicio da democracia española, que a do 20-D de 2015, co Réxime’78 patas arriba, o novo rei coroado e que comezou a serie de gobernos provisionais e parálise institucional que é a forma do R'78de ir recompoñéndose. 

E son máis parecidas porque volve a incerteza, baixo a ameaza doutro período agudo da crise económica terminal (que non hai reforma que valga), e porque hai un cristo político importante en Catalunya que mete en apuros o R’78. Nese contexto estatal, os problemas de Galiza fican tan escurecidos como os ceos.

A campaña electoral comezou esta noite no país coas candidatas e candidatos intentando convencerse a si mesmas de que as cousas aínda teñen arranxo mentres en Catalunya a policía, moito máis práctica en tempos convulsos, empezaba a visitar domicilios para deter manifestantes. Son días escuros e por iso Joker non se cataloga como ciencia ficción.

O PP: "A dispersión do voto beneficia a Sánchez"

“A dispersión do voto nas dereitas fai máis forte a Pedro Sánchez”, repetiu o PP en diferentes foros no país nesta xornada previa ao comezo oficial da campaña electoral. ‘Por todo o que nos une’ é o lema dos populares, que centrarán as súas mensaxes en recuperar ás votantes fugadas cara Ciudadanos e Vox nos comicios anteriores. “Hai dúas maneiras de facer presidente a Pedro Sánchez, unha é votando ao PSOE e a outra é elixindo a papeleta de calquera outro partido que non sexa a do PP”, indicou Miguel Lorenzo, candidato ao Senado pola Coruña, durante un acto que protagonizou o presidente provincial dos populares Diego Calvo, que insistiu no argumento (Sánchez ten a culpa de todo, empezando pola repetición electoral), a xente non debe deixar que a “engane” de novo e debe “concentrar o voto na papeleta do PP” porque “ao día seguinte haberá Goberno”.

O presidente da Xunta e do PPdG, Alberto Núñez Feixoo, pediu aos galegos que se unan nun voto esixente para que volva a estabilidade a España "e se cumpra coa nosa Comunidade"; porque, segundo apuntou, o que precisa Galiza son "certezas e compromisos" por parte do próximo Goberno do Estado. Feixoo abriu a campaña en Vigo apuntando que "o que está a suceder en España non é irremediábel e que Galiza é a mostra de que a alternativa sólida e clara no PP é real".

PP PontevedraMaría Ramallo, a número un por Pontevedra, que esta sexta estará acompañada nun acto electoral por Ana Pastor, a quen Pablo Casado reclamou para a lista por Madrid, adiantou a media tarde o lema xunto a Javier Guerra, candidato a senador, e Diego Gago, segundo na lista ao Congreso [na imaxe]. Ramallo explicou que, segundo a visión dos populares, “En España acontecen cousas que cun Goberno en funcións e débil xeran un freo na economía sen que o Goberno tome medidas; problemas en Catalunya, sen que tomen ningunha medida; e mesmo sen ter sido quen de aprobar os orzamentos estatais”. Por estas razóns, a candidata pontevedresa pide un “voto útil” concentrado no PP e, así, “solucionar os problemas de España”.

O PSOE: “Non queremos a Casado e a Abascal no Consello de Ministros”

O PSOE concentrou seus líderes na Coruña. Gonzalo Caballero, o secretario xeral, lanzou a primeira apelación ao voto chamando “a todos os galegos e todas as galegas que non queren ver Abascal como vicepresidente de Pablo Casado” a escoller a papeleta do PSOE e, así, seguir profundando nos avances sociais impulsados no último ano e medio de goberno socialista”. Caballero estivo acompañado da ministra de Economía, Nadia Calviño; a alcaldesa da cidade, Inés Rey, e candidatos socialistas ao Congreso e ao Senado.

“No PSOE temos un proxecto positivo para a cidadanía”, recalcou Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé que nesta ocasión é “moi necesario” acudir a votar e facelo polo proxecto que encarna Pedro Sánchez para así frear o avance da ultradereita que prognostican as enquisas.

Foto pegada PSdeG 1 A CoruñaSobre todo, como dixo o máximo dirixente do PSdeG, porque mentres os sectores conservadores están tentando inducir a desmobilización da esquerda de cara ao vindeiro 10 de novembro, “as dereitas e a ultradereita si van ir votar”. “Temos que dicirlles alto e claro que os galegos non queremos ver a Casado e a Abascal no Consello de Ministros”, subliñou Caballero, diante dunha fotografía de Pedro Sánchez e o lema Agora Goberno, agora España.

Actos para esta sexta feira: A campaña socialista arranca esta sexta feira en Lugo, cun paseo de Caballero polo centro da cidade xunto a Nadia Calviño e a alcaldesa Lara Méndez. Pola tarde, o líder dos socialistas galegos ofrecerá un mitin en Cedeira (20 horas). 

Galicia En Común: "Temos que dar unha nova lección de democracia como país”

As candidatas e candidatos de Galicia En Común arrancaron a campaña electoral na Coruña baixo o lema Conta con Nós facendo un chamado á mobilización para que Galiza estea no próximo Goberno do Estado. "O 10 de novembro xogámonos o tipo de Goberno que teremos a partir do día seguinte", incidiron as candidatas Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino nun acto celebrado na rúa do Papagayo, arroupados polo resto das candidatas e candidatos ao Congreso e ao Senado das catro circunscricións galegas.

Acto comezo campaña En Común na Coruña cas 4 cabezas de lista“Convocaron estas eleccións para derrotarnos pero estamos vivos, con forza e subindo nas enquisas. Estamos moi vivos e moi espertos para defender os vosos dereitos e evitar que nos fagan pagar outra vez en recortes aos de abaixo”, manifestaron Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino. O cabeza de lista pola Coruña engadiu: "Nestas eleccións temos que dar unha nova lección de democracia como país. Quixeron fartarnos, desmotivarnos, desencantarnos, desmobilizarnos pero temos que responderlles o domingo 10 nas urnas. Reflexionade sobre quen representa hoxe mellor un voto de esquerdas: o da xustiza social, as liberdades e dereitos, a cohesión e os equilibrios territoriais. O voso voto é o noso mandato”.

Gómez-Reino e Yolanda Díaz reclamaron o apoio dos pensionistas, "que loitaron e traballaron toda a vida e agora nin escoitan"; das estudantes e traballadoras precarias e empobrecidas "que fan equilibrios impensables"; e das mulleres, "que tanto nos teñen ensinado das súas loitas que non cesan". E manifestaron o seu "compromiso" e a súa "vontade" de levar as esas voces e os problemas das galegas e dos galegos "aos centros da decisión política, para transformalos en accións que nos permitan avanzar como sociedade”. 

Actos para esta sexta feira: David Bruzos, o número un por Ourense, Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino, Julio Rodríguez (Podemos) e o secretario xeral do PCE, Enrique Santiago, entre outras, participan no mitin de Ourense (19.30 horas).

O Bloque: “Hai alternativa se optamos por defender o noso”

Na Coruña, protexidas baixo o viaduto de Alfonso Molina, como no arranque da campaña das municipais, coa mesma chuvia pero máis frío, as nacionalistas despregaron luz e ilusión convencidas de que o escano pola Coruña está moito máis preto que en abril. 

Ponton 1 montaxeA portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, salientou que a formación nacionalista sae “a por todas” para devolverlle a Galiza o peso político que nunca debeu perder.  “Vascos, cataláns, canarias, valencianas e até Cantabria teñen voz propia no Congreso”, destacou, en contraposición cunha Galiza “desaparecida”, excluída do debate polo “servilismo” dos 23 deputados e deputadas electas “que só van a Madrid a facer o que lle mandan os seus xefes de filas”. Por iso, dixo, “se queremos un país con futuro necesitamos organizacións políticas libres e a única organización política libre neste país é o BNG: é o momento de que Galiza recupere voz no Congreso tras o 10-N”. Pontón estivo acompañada polo cabeza de lista por esta provincia, Néstor Rego, nun acto precedido por unha festiva celebración do magosto e do samaín.

O candidato nacionalista tamén apelou  ao voto das persoas "defraudadas” cunhas forzas estatais “que deixaron vendido este país sen pular en ningún momento por defender os nosos intereses". Néstor Rego salientou que, desde o 28-A "aclarouse o panorama electoral sendo desta volta o BNG a única forza galega que concorre e iso significa tamén que son moitas máis as persoas que se achegan de novo a nós e mostran de maneira clara o seu apoio, por iso estamos certos de que esta é unha oportunidade que os galegos e as galegas non van desaproveitar”.

Actos para esta sexta feira: Pola mañá, Ana Pontón presenta as propostas en materia de Igualdade e contra a violencia de xénero acompañada das candidatas ao Congreso por Pontevedra e Lugo, Carme Da Silva e Olalla Rodil. Pola tarde, a portavoz nacional do BNG participará nun mitin en Allariz (19 horas) xunto ao candidato por Ourense, Francisco García, a alcaldesa Cristina Cid e a deputada Noa Presas.

Ciudadanos: “Somos a única alternativa viábel”

María Vilas e Beatriz Pino Deputadas de Ciudadanos Candidatas ao Congreso 10NCiudadanos abriu a campaña do 10-N en Vigo nun acto na praza de Compostela e na Coruña, na Mariña. Beatriz Pino [a dereita na imaxe], a número 1 pola circunscrición de Pontevedra, insistiu na mensaxe que o partido de Albert Rivera leva difundido nos últimos días na Galiza diante dos prognósticos adversos das enquisas. “Afrontamos a campaña con moitísima ilusión, con todas as ganas e convencidas da oportunidade que temos”. “Ciudadanos é a única alternativa viábel”, asegurou Pino, que estivo acompañada por militantes e simpatizantes. “Queremos sacar adiante España, poñela en marcha e para iso é preciso ir votar o próximo 10-N”, concluíu.

Na Coruña, a número un, María Vilas [a esquerda na imaxe] dixo que é "unha honra e unha responsabilidade ser a voz dos coruñeses no Congreso". E incidiu na mensaxe de optimismo malia as enquisas e na "oportunidade" que as eleccións abren para "devolver o protagonismo os españois e poñer España en marcha". Vilas reclamou colocar por riba "aquilo que nos une en lugar do que nos separa" e ser "parte da solución e non o problema".

Más País iniciará esta sexta feira a súa campaña cunha ofrenda de Carolina Bescansa e Daniel Liceras, cabezas de lista pola A Coruña e Pontevedra, no Panteón de Galegos Ilustres. 

Con boas intencións as principais formacións políticas empezaron oficialmente a pedir o voto de galegas e galegos. Pasará rápido. A crise ameazante, a cuestión catalá, os ceos anubrados e os problemas do país seguirán aí despois do 10-N, mais igual se ven con outros ollos. Depende. 

Comentarios