O PP en cabeza e PSOE e UP, a disputar a segunda praza

A campaña máis españolizada chega ao seu fin co BNG a pelexar por "dar a sorpresa"

A campaña do desempate pode producir un novo empate. Chegou esta noite ao seu fin co PP liderando as enquisas e con dúas forzas pelexando por seren segundas. No fin de festa, as marcas estatais reiteraron mensaxes e discursos. O BNG lanzou un chamamento ás persoas indecisas. "O 26X temos que darlle unha sorpresa ao ministro de Interior que conspira contra o nacionalismo", dixo Ana Pontón no mitin de Pontevedra.

bloque
photo_camera Mitin do BNG na Praza do Teucro en Pontevedra

De estaren no certo os inquéritos que se publican estes días en Andorra, o PP chega en cabeza ao 26X e a única dúbida é que forza política do centro-esquerda -se o PSOE ou Unidos Podemos- fica na segunda praza en número de escanos. A incógnita non é para nada desprezíbel e de como se despexe depende non só o futuro dalgúns líderes, a comezar por Pedro Sánchez, senón tamén as distintas variábeis para a conformación dunha maioría de goberno. A situación é tan complexa que ningunha forza política se atreve a desbotar o escenario dunhas terceiras eleccións.

A hipótese do PP é que UP ficará por diante do PSOE e que isto levará aparellada a demisión, forzada ou non, de Pedro Sánchez. O partido liderado por Rajoy confía en que a xestora que eventualmente dirixiría o PSOE mentres non se realizar un novo congreso, optaría por se abster na investidura do candidato conservador para evitar novas eleccións.

Nas últimas horas, as mensaxes de Sánchez foron moi claras: nen Rajoy nen Iglesias. A mensaxe de fondo pode ser perfeitamente a de que o PSOE podería aceitar un candidato distinto ao actual presidente en funcións para dirixir o goberno.

Ferreiro e PodemosE mentres as forzas políticas estatais se enroscan neste sarillo -con Albert Rivera cada vez máis desdebuxado, embora os inquéritos prognosticar que mantería grosso modo o voto do 20D- o BNG aproveitou as últimas horas de campaña para, desde Pontevedra, lanzar unha clara mensaxe ás persoas indecisas.

“Sei que hai moitos galegos e galegas que aínda están reflexionando cal vai ser o seu voto o domingo. A todas esas persoas dígolles que non teñen que renunciar a nada, que co BNG poden telo todo o 26X: cambio, garantía de que a dereita non vai seguir gobernando e, ao mesmo tempo, garantía de que temos un proxecto de país, que seremos a voz que dea a cara por Galiza”, subliñou Pontón.

Mensaxe do BNG ás persoas indecisas: "Co BNG poden telo todo o 26X: cambio, garantía de que a dereita non vai seguir gobernando e, ao mesmo tempo, garantía de que temos un proxecto de país"

A percepción do BNG é que nos últimos días de campaña se ten reforzado a corrente de simpatía que a formación soberanista esperta en largos sectores do seu eleitorado tradicional, antigos eleitores nacionalista que o 20D os abandonaron rumo a En Marea. A cuestión está en transformar a simpatía en voto, daí a énfase posta pola portavoz nacional do BNG no valor do voto ao Bloque.

"As galegas e os galegos saben que o BNG é a única opción que ofrece cambio e ao mesmo tempo vai defender Galiza sen ter que pedir permiso a ninguén, nin a Rajoy, Sanchez, ou Iglesias”, dixo a líder nacionalista.

Nos últimos días de campaña, o Bloque introduciu un elemento novidoso no discurso: a hipótese de o 26X vir a derrotar os inquéritos e "dar a sorpresa". "O próximo domingo temos que darlle unha sorpresa ao ministro de Interior que conspira contra o nacionalismo", afirmou Ana Pontón.

A campaña máis españolizada

En todo caso, concluíu este 24 de xuño a campaña máis españolizada da historia do actual réxime político, o de 1978, protagonizada por catro forzas estatais -unha menos que o 20D, após o acordo de IU con Podemos. Unha campaña que se librou basicamente nos platós televisivos madrileños con exclusión absoluta das forzas soberanistas, con desprezo non só do pluralismo, senón tamén do feito de que con moita probabilidade os escanos das forzas nacionalistas poden voltar a seren decisivos para a conformación dunha maioría alternativa á liderada por Rajoy.

Xulio Ferreiro, no fin de festa de UP en Madrid

No mundo das mareas a noticia no fechamento da campaña non estivo na Galiza, senón na presenza -controvertida nas redes- de Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña e referente da Marea Atlántica no mitin de fin de festa de Unidos Podemos.

Ferreiro mostrou a súa total identificación non só con UP, senón coa propia figura de Pablo Iglesias como se encarregou de subliñar Podemos através da súa conta twitter:


A foto do mitin de Unidos Podemos en Madrid é de @ahorapodemos

Comentarios