Cara ao 26M

A campaña finaliza e todo está por decidir

As formacións políticas puxeron o broche á campaña electoral máis longa das últimas décadas, xa que se concatenou á das xerais e máis a unha precampaña inmensamente tensa e mediática. As últimas mensaxes do PP e as Mareas tentan reverter as enquisas e dar a sorpresa o domingo. BNG e PSdeG séntense fortes e á alza. Ciudadanos tenta mobilizar a quen votou pola formación de Rivera nas xerais e Compromiso por Galicia ve as eleccións municipais con certo optimismo.  

eleccions
photo_camera Peches de campaña

Fin dunha campaña electoral que comezou hai meses, cun caldo de cultivo tenso e mediático axitado polas dereitas contra os nacionalismos e que trouxo o adianto electoral das xerais.

Após semanas de pelexa polo voto, as candidaturas pecharon hoxe a campaña cos seus últimos actos. Feixoo fíxoo en Ferrol cun Partido Popular que non se resigna ás enquisas e procura non perder de novo a súa hexemonía como aconteceu o pasado 28 de abril.

As alcaldías das Mareas na Coruña, Compostela e Ferrol tamén pretenden dar a volta aos prognósticos electorais e impedir o medre que auguran ao PSdeG en case todos os concellos de Galiza e que podería arrebatar ás mareas as alcaldías desas tres cidades. Gonzalo Caballero pechou o último mitin do PSdeG en Vilagarcía, o prognósticos dan de novo a alcaldía ao seu partido.

 O BNG de Ana Pontón continúa á alza e pechou a campaña en Vigo con Ana Miranda e Xabier P. Igrexas co obxectivo de mobilizar a cidade para recuperar a representación no concello e dar un importante salto adiante en toda a Galiza. Todo indica que o Bloque será de novo a terceira forza hexemónica no país.

Luís Villares achegou o arroupe de En Marea á candidatura municipalista Ourense Mellor. En Marea xógase a súa propia existencia após os cativos resultados obtidos nas pasadas eleccións xerais.

No acto de Ciudadanos en Vigo o seu candidato á alcaldía Jorge Alonso animou as galegas e galegos que votaron polo partido de Rivera na xerais a volvelo facer agora nas municipais e europeas.

Compromiso por Galicia pechou en Ourense e conta con manter as súas actuais actas e medrar nalgún municipio máis.

feixooO PP pecha en Ferrol onde o xoga todo, pois gañar esa alcaldía podería edulcorar a dura caída que prognostican

Desde Ferrol pediu Alberto Núñez Feixoo un voto masivo para Xosé Manuel Rei, candidato popular á alcaldía da cidade. O presidente do PPdeG e da Xunta de Galiza asegurou no mitin final de campaña que a cuestión está en se votar o “mesmo” en referencia ás opcións que representan as Mareas, PSOE e BNG ou votar “o cambio” que representa o Partido Popular.

A diferenza está pois, segundo afirmou Feixoo entre “votar catro anos de enfrontamentos ou catro anos de avances, en continuar coa división e o desgoberno ou que haxa goberno e alcalde, en votar estridencias ou moderación e xestión, en prolongar o fracaso ou votar Xosé Manuel Rei”, afirmou.

Feixoo afirmou que hai dúas maneiras de perder as eleccións: “quedando na casa e dividindo o voto, mais só hai unha forma de gañar que é concentrando o voto no PPdeG”

Feixoo amosouse convencido durante o mitin de que o PP gañará as eleccións en Ferrol, e salientou a experiencia do candidato á alcaldía e a súa capacidade, e afirmou que “cando os seus veciños necesitaron un político en Ferrol, non o tiveron no concello pero si o tiveron a el; e porque quixo estar aquí para servir a unha cidade na que cre e a que quere”.

De Xosé Manuel Rei tamén afirmou que “suma” e fixo fincapé en que Ferrol merece un cambio e a Rei como alcalde.

O presidente da Xunta tamén alertou da división do voto entre as dereitas, e sinalou que hai dúas maneiras de perder as eleccións: “quedando na casa e dividindo o voto, mais só hai unha forma de gañar que é concentrando o voto no PPdeG”, precisou. Das e dos candidatos do PP afirmou que son os únicos que só teñen como obxectivo servir a veciñanza e traballar polo progreso e o benestar do municipio. “O PPdeG é o único partido capaz de ofrecer un goberno que goberne, para todos, libre e sen ataduras”, sentenciou.

bng vigo 2Ana Pontón chama ao voto de país, rebelde e inconformista

A estación marítima de Vigo foi o emprazamento escollido polo BNG para pechar a campaña electoral. Ao pé da ría, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, chamou a sumar no BNG “todo o voto de país, inconformista e rebelde” para que en Galiza se consolide o modelo municipal do BNG porque “funciona e constrúe concellos referentes en calidade de vida”.

“Haberá máis BNG o 26M nos concellos” anunciou Pontón, e chamou a votar polo nacionalismo para facelo posíbel a todas as persoas “que queren un cambio transformador, un cambio real nas vilas e nas cidades, aos galegos e galegas que confían no potencial do país”.

“Haberá máis BNG o 26M nos concellos” anunciou Pontón

Desde a estación marítima, lugar onde historicamente partiron milleiros de galegas e galegos á emigración, Pontón chamou a non conformarse “nin co vello bipartidismo de sempre que xa sabemos o que dá de si, nin coa decepción das formulas que viñan cambialo todo e non foron capaces nin de xestionar o día a día”. Fronte a isto, puxo en valor que o BNG conta co “aval dos feitos”, pois indicou que foron quen de “demostrar que se pode facer política doutra maneira e tamén que hai outra Galiza posíbel que xa está en marcha nos concellos onde gobernamos”. Nese sentido, salientou que os gobernos do Bloque demostraron saber facer política doutra maneira, desenvolvendo un urbanismo para a maioría social, construíndo concellos sustentábeis, feministas, rendabilizando cada euro con honestidade e transparencia. “Conseguimos vilas e cidades orgullosas do noso, da nosa lingua cultura, e logramos dinamismo económico, social e cultural”, sintetizou Pontón.

A portavoz nacional do BNG salientou que un avance do Bloque nas eleccións municipais será a antesala da derrota do PP 

A portavoz nacional do BNG tamén salientou que un avance do Bloque nas eleccións municipais será a antesala da derrota do PP e de Feixoo cando, en apenas un ano, se celebren as eleccións galegas.

A eurodeputada do BNG e candidata ao Parlamento Europeo, Ana Miranda denunciou a “irrelevancia política” do Estado á hora de defender os intereses de Galiza, e reclamou voz propia para Galiza en Bruxelas. Puxo ademais en valor o traballo realizado nesta lexislatura dando a cara polos sectores produtivos, as infraestruturas como a autoestrada do mar, o corredor atlántico ou a inclusión do Porto de Vigo ao máximo nivel de financiamento na Rede Transeuropea de Transportes”. Reivindicou ademais a candidatura que encabeza como “feminista e a favor dos dereitos das mulleres. Vainos até a vida e neste asunto, nin un paso atrás”, afirmou a eurodeputada.

O candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, defendeu que Vigo é moito máis que luces de nadal e Dinoseto, e afirmou que a cidade confórmana os barrios e parroquias e por iso “queremos devolver o concello á veciñanza, poñendo todos os seus medios, recursos e capacidades ao servizo de mellorar a súa vida”.

Gonzalo CaballeroGonzalo Caballero chama ao “voto últil” do PSdeG fronte un PP derrotado e sen rumbo

En Vilagarcía pechou campaña o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nun mitin xunto co alcalde Alberto Varela. Durante a súa intervención, Caballero apelou a todas as persoas progresistas que deron o seu apoio a Pedro Sánchez o pasado 28A a “gañar o futuro” nos concello de Galiza e en Europa apostando de novo polo PSOE.

Cualificou o PP como un partido derrotado e sen rumbo e contrapuxo o PSOE como o voto útil das e dos progresistas. Nesa liña, chamou a lograr “gobernos socialistas nos concellos, conscientes de que no extremo oposto temos unha dereita reaccionaria, disposta a pactar coa ultradereita se lle dan as contas”, afirmou.

Caballero anunciou que o seguinte paso que dará o PSdeG é desaloxar o PP da Xunta

Caballero anunciou que o seguinte paso que dará o PSdeG é desaloxar o PP da Xunta e abrir tamén “unha fiestra de esperanza” en Galiza, e lembrou ás persoas asistentes a “cara desencaixada” que tiña Feixoo o pasado 28 de abril cando o PSdeG fíxose co primeiro posto en Galiza. “Unha nova vitoria nas urnas será o fin político de Feixoo”, vaticinou.

Remarcou o secretario xeral do PSdeG que cando as persoas progresistas se mobilizan “son imparábeis” polo que pediu que “ninguén quede na casa” para poder dar prioridade desde os gobernos municipais ás políticas sociais do goberno do Estado español. A ese respecto sinalou que “Pedro Sánchez necesita ter como aliados alcaldes e alcaldesas socialistas”.

A Feixoo sinalouno desde o mitin de Vilagarcía como o principal inimigo das cidades ao tempo que sumiu no abandono as vilas

A Feixoo sinalouno desde o mitin de Vilagarcía como “o principal inimigo das cidades” ao tempo que sumiu no “abandono” as vilas medianas e os pequenos concellos. “Está ausente dos problemas dos galegos e das galegas”, profundou, e preguntouse se será porque “está pensando na sucesión de Casado, en pactar con Vox ou en seguir co postureo da viraxe ao centro”.

Do candidato do PSdeG á alcaldía de Vilagarcía e actual rexedor, Caballero afirmou que se trata dunha persoa en quen confiar e que ten demostrado “capacidade de xestión” ao longo deste mandato. “Un home preparado e comprometido co seu pobo”, resaltou, e pediu unha maioría máis ampla para Varela volver gobernar.

unnamed (17)Luís Villares pecha a campaña de En Marea pedindo o voto para “o verdadeiro espazo progresista de Galiza”

O portavoz de En Marea, Luís Villares, participou na cidade das Burgas do peche de campaña da candidatura municipalista Ourense Mellor, solicitando a confianza das e dos votantes para "o verdadeiro espazo progresista de Galiza". Desde o mitin de Ourense Mellor, o voceiro puxo en valor o proxecto das mareas municipais xa que "foron os únicos espazos políticos que puxeron sobre a mesa as propostas progresistas que nin o PSOE nin o BNG se atreveron a formular", afirmou.

Luís Villares reivindicou o firme compromiso dos “espazos mareantes” coa mellora do benestar e a defensa dos dereitos e a calidade de vida das clases medias e das persoas en situación de emerxencia social

Luís Villares reivindicou o firme compromiso dos “espazos mareantes” coa mellora do benestar e a defensa dos dereitos e a calidade de vida das clases medias e das persoas en situación de emerxencia social. Unha aposta que tamén ratificou dende Vigo a candidata de En Marea-Compromiso por Europa, Lidia Senra, que ratificou a súa vontade de continuar traballando outros cinco anos na defensa de salarios dignos, medio ambiente e igualdade; así como de loitar pola implantación dunha renda básica a nivel europeo pola que tamén avogan as Mareas desde o eido municipal.  

Os alcaldes das Mareas de Compostela, A Coruña e Ferrol chaman a mobilizarse co voto para afondar no cambio e as transformacións

xulioO alcalde da Coruña e candidato da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, chamou a cidadanía a mobilizarse e colaborar para conseguir un gran resultado o domingo. Durante o peche de campaña no Campo da Leña, Ferreiro afirmou que o 26M hai que escoller entre o futuro ou o pasado, e apelou a concentrar o voto na Marea Atlántica como único voto útil para formar unha “maioría de progreso valente e coas ideas claras, ou engordar a saca do PP e dos seus aliados para que esta cidade volva atrás, á corrupción e ao pelotazo”, afirmou.

O alcalde, dirixiuse á cidadanía para que á hora de votar “lembre” as preferentes, a estafa bancaria, as hipotecas, as casas sen xente e a xente sen casa.

fecO alcalde ferrolán, Jorge Suárez, pechou a campaña cun encontro coa cultura, unha das bandeiras principais do seu goberno. Desde o local de Ferrol en Común puxo en valor o traballo feito nestes catro anos e lembrou que a súa equipa comezou con moitas dificultades, “tendo que bater contra elementos poderosos que non nos querían, porque nós somos un colectivo e iso é precisamente o que o poder non quere”, afirmou.

Suárez puxo tamén en valor o intenso traballo realizado nesta campaña con oito debates e decenas de reunións con entidades veciñais nas que defendeu o seu programa para seguir afondando na transformación de Ferrol, indicou.

Afirmou estar convencido de que obterán un bo resultado “porque somos as e os de baixo, as traballadoras” e agradeceu o traballo realizado ás concelleiras e concelleiros de Ferrol en Común.

martiñoEn Santiago, Martiño Noriega pechou a campaña de Compostela Aberta coa Festa da Alegría na Praza 8 de Marzo. Pola mañá. O alcalde e candidato á reelección valorou que a campaña de CA  cumpriu os obxectivos e augurou un bo resultado para o 26M.

Noriega puxo o foco na gran diferenza que existe para dotarse de medios económicos para o desenvolvemento da campaña entre as distintas formacións políticas. Así, tachou de "obscenos" os "recursos" de partidos como o PSOE e PP santiagueses, cuxo "financiamento seguro multiplicou por 20" o desembolso de Compostela Aberta, formación que tiña limitado a 10.500 euros o gasto en campaña por tratarse dunha candidatura de ámbito local. "Quen está detrás destas campañas?", preguntouse Noriega, que asegurou que a marea que el mesmo encabeza foi "a peza de caza a bater" ao longo das últimas dúas semanas. "Iso fainos sentir orgullosos", apostilou.

cxgCompromiso por Galicia pecha en Ourense coa seguridade de dar o salto a Bruxelas

O Hotel Cándido de Ourense acolleu o peche e campaña de Compromiso por Galicia. O seu secretario xeral Juan Carlos Piñeiro, quen tamén é candidato número tres na Coalición por unha Europa Solidaria, afirmou que CXG é a forza galeguista con opcións de estar en Bruxelas, “algo necesario porque Galiza merece estar nos centros de decisión”. Definiu a súa formación como progresista no social e seria e rigorosa no económico, e apuntou a que o próximo reto após o 26M é ir a polas eleccións galegas e entrar no Parlamento.

O candidato á alcaldía de Ourense por Compromiso por Galicia, Tino Iglesias, acompañado por membros do seu equipo e cabezas de lista doutros municipios, fixo un chamamento para que "toda a xente vaia votar este domingo". 

Piñeiro sinalou que CXG é a forza galeguista con opcións de estar en Bruxelas, algo necesario porque Galiza merece estar nos centros de decisión

"Temos que pór de novo en marcha a maquinaria municipal para garantir o benestar da cidadanía e converter Ourense nunha cidade para vivir e traballar con garantías de futuro", afirmou. Comprometido co futuro da cidade, Tino Iglesias considera que "CxG será a chave de goberno a partir do domingo".  

CSCiudadanos: Jorge Alonso chama a apostar por Ciudadanos para reflectir a pluralidade ideolóxica da sociedade

Ciudadanos pechou nun céntrico bar de Vigo a súa campaña. No estabelecemento Lafayette Javier Alonso, candidato á alcaldía de Vigo, pronunciou un discurso co que quixo animar a cidadanía a comezar “unha nova época” mirando o futuro e o progreso.

“Hai que votar Ciudadanos para ter unha representación cun compromiso útil na corporación”, afirmou Alonso

“Hai que votar Ciudadanos para ter unha representación cun compromiso útil na corporación”, afirmou. Así mesmo, chamou a rematar coa actual confrontación liderada polo alcalde Abel Caballero e co seu “ego”. Alonso definiu Vigo como a cidade emprendedora de Galiza, que medrou “coma ninguén” e que pode ter moito máis do que lle ofrecen os políticos actuais, asegurou. Chamou tamén a construír a pluralidade, a democracia e o diálogo en lugar de manter o confronto que lidera o actual alcalde vigués.

Nese sentido indicou que desde Cs “propoñemos dialogar e sacar solucións porque non podemos seguir sen área metropolitana nin PXOM, nin ser a segunda cidade en desemprego de Galiza”.

Alonso recoñeceu que a súa candidatura non resultará gañadora e que obter representación no consistorio é un obxectivo difícil e matinou en que unha acta máis ou unha acta menos para Abel Caballero non mudará nada “porque todo o que pase da maioría absoluta só serve para engrandecer o ego do alcalde”, afirmou.

Comentarios