A campaña electoral entra na súa última semana con case todo por decidir

A campaña electoral máis aberta dos últimos tempos encarreira a súa recta final. Alén das tendencias definidas polas sondaxes, a elevada bolsa de abstencionistas e de electorado indeciso na poboación menor de 40 anos abre a porta a calquera escenario o 28 de maio.

Faixas electorais no Carballiño. (Foto: Arxina)
photo_camera Faixas electorais no Carballiño. (Foto: Arxina)

O escenario electoral está aberto. As sondaxes coñecidas nos últimos días e as enquisas internas das propias formacións políticas apuntan a que, excepto na Coruña, Pontevedra e Vigo, calquera resultado é posíbel á fronte das cidades. Unha imaxe semellante debuxan para as áreas metropolitanas e para as vilas grandes e medias, onde, na maioría dos casos, a foto final está por facer. Neste sentido, as diversas formacións traballan por mobilizar o electorado e por decantar para a súa opción a elevada bolsa de electorado indeciso e abstencionista.

O PP quere evitar volver ficar sen Alcaldías urbanas

O Partido Popular márcase como obxectivo lograr as Alcaldías de Ferrol, Lugo e Ourense, avanzar posicións no resto dos grandes núcleos de poboación e recuperar algunha das deputacións en mans do PSdeG e do BNG, nomeadamente a de Lugo. As diversas proxeccións electorais sitúano en Ferrol ás portas da maioría absoluta. Porén, disputa por moi poucos votos esa última acta de edil co BNG, que tamén pelexa por unha acta en Lugo coa candidata popular Elena Candia, que cae en intención de voto desde o comezo da campaña. Precisamente, o PP libra unha batalla dura en Ourense co PSdeG por converterse na primeira forza.

Os populares van centrar esta última semana da campaña naquelas localidades onde máis se xogan. O domingo desembarcaron con Alfonso Rueda á cabeza en Ribeira e Chantada, onde o fraccionamento da dereita en varias listas independentes e de Vox pon en risco a continuidade do PP no Goberno local. Neste perfil de concellos van concentrar os seus esforzos na última semana, co ollo posto de esguello no reparto de escanos para as diferentes deputacións. Así, os populares agardan restar un deputado ao PSdeG no partido xudicial de Pontevedra e loitan por sumar outros tres en Compostela, Lugo e O Barbanza, se ben nestes últimos casos resulta un labor máis complicado á vista das proxeccións electorais e dos resultados de 2019.

O PSdeG aspira a manter o seu poder municipal

O PSdeG aposta por manter as súas cinco Alcaldías urbanas, conservar a Presidencia das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra e preservar a súa representación actual no resto dos concellos galegos.

Neste sentido, as cidades máis complicadas para o PSdeG semellan Compostela e Lugo, xogándose a primeira praza na capital da Galiza co PP e na cidade das Murallas pelexando co BNG polo segundo posto. Os socialistas observan con preocupación a caída en intención de voto desde o comezo da campaña do alcalde santiagués, Xosé Sánchez Bugallo, e analizan con satisfacción a evolución positiva de Francisco Rodríguez en Ourense e a repunta de Ángel Mato en Ferrol.

O PSdeG aspira a mobilizar o seu voto nesta última semana, cunha atención moi especial a Compostela e Lugo. Precisamente, onte mesmo contou nesta última cidade coa apoio nun acto electoral do anterior presidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero e prepara para hoxe o seu mitin central en Compostela, coincidindo coa data fixada polo BNG e por Compostela Aberta.

Os responsábeis socialistas apostan por manter o actual reparto de escanos nas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, se ben nesta última circunscrición as sondaxes danlle unha baixada de até dous escanos, coa perda dunha acta en Pontevedra e outra en Vigo.

O BNG busca mobilizar o votante progresista

O BNG aspira a reter a Alcaldía de Pontevedra, aumentar a súa representación no resto das cidades e das deputacións e incrementar o seu número de votos e porcentaxe de edís no conxunto da Galiza. Nesta liña, vense con posibilidades de lograr a Alcaldía de Lugo, onde as enquisas situaban o BNG en empate técnico en intención directa de voto cos socialistas. Asemade, non descartan dar a sorpresa en Compostela e sumar novas rexedoras e rexedores en localidades como Cangas do Morrazo, Soutomaior ou Pantón.

Os nacionalistas librarán nesta última semana unha batalla contra eles mesmos. O seu resultado final vai depender, en boa medida, da súa capacidade para mobilizar a faixa de votantes de entre 18 e 29 anos e de entre 30 e 42, onde tradicionalmente consegue as porcentaxes máis elevadas de voto e onde, neste proceso, se concentra un número importante de abstencionistas. A este respecto, a súa intención é traballar os caladoiros de votos das pasadas eleccións galegas e agrupar nas súas listas todos os sufraxios progresistas.

Mareas

As candidaturas de unidade popular son unha das grandes incógnitas desta campaña. As diferentes enquisas non se puxeron de acordo na súa porcentaxe de voto e na súa capacidade de resistencia. As sondaxes outorgaban as maiores posibilidades de representación en Compostela e Ferrol, ficando en cuestión a presenza na Coruña, onde a candidatura promovida por EU e Podemos -que se presentan  separados da Marea Atlántica- mantén aspiracións e dándose por complicada a posibilidade de conseguir representación na cidade de Vigo.

As enquisas descartan a continuidade na Deputación da Coruña da Marea Atlántica atopándose actualmente a súa acta actualmente en litixio entre o PP, o PSdeG e o BNG.

As outras batallas políticas das eleccións locais do próximo 28-M

As eleccións do 28 de maio teñen unhas derivadas políticas máis alá das locais. Neste caso, non só se refiren á elección dos Gobernos das catro deputacións galegas, cuxa importancia é moi relevante para a propia vida dos concellos e para o ecosistema político das diversas circunscricións, senón que están ligadas aos vindeiros compromisos electorais, moi particularmente aos estatais e, sobre todo, aos galegos, que Rueda prevé para xuño de 2024, coincidindo cos comicios europeos.

Os comicios do vindeiro domingo son o primeiro acto dun ciclo electoral que remata nas eleccións galegas do próximo ano. Trátanse do punto de arranque das mesmas, cuxo resultado vai determinar a situación de partida da totalidade das formacións e vai axudar a definir as posibilidades de éxito dunha alternativa ao Partido Popular. A este respecto, dirixentes populares e nacionalistas téñense manifestado en repetidas ocasións durante a campaña.

Rueda sábese que está diante do primeiro referendo do seu liderado, após herdar de Núñez Feixoo a Presidencia da Xunta da Galiza sen pasar polas urnas e que un mal resultado do PP debilita as súas posibilidades de manterse no cargo. Ana Pontón é, tamén, consciente do mesmo e non dubida de que un PP derrotado nas urnas o próximo 28 de maio é un rival máis doado de vencer para 2023. Valentín Formoso, menos explícito ao respecto por razóns de orde táctica asociadas ás circunstancias do seu liderado e á tendencia electoral xeral do PSOE, sitúase na mesma liña de análise

Comentarios