luns 06.04.2020
Eleccións

Camiño ao 5 de abril: semana de listas e pactos

Fican catro días para rexistrar as coalicións electorais para os comicios galegos do vindeiro 5 de abril.
Votación nun colexio electoral (Europa Press)
Votación nun colexio electoral (Europa Press)

Unha semana despois de que se coñecese o adianto electoral, o candidato á reelección polo PP reuniuse co comité de Alcoa para manter o seu pulso ao Goberno do Estado, o líder dos socialistas mantivo un encontro co alcalde do PSdeG coa maioría máis absoluta e a candidata nacionalista afondou no seu programa electoral "participativo". Fican os interrogantes sobre a coalición entre Podemos e Esquerda Unida, que defenden a marca Galicia en Común, e mais Anova e as mareas municipais. Continúan unhas "conversas" que apostan por deixar fóra En Marea a catro días de que remate o prazo para inscribir as coalicións electorais.

Na sexta feira remata o prazo para inscribir as coalicións na Xunta Electoral e as conversas das forzas herdeiras de En Marea contan cun condicionante claro: Podemos impón o que será o seu candidato, o seu secretario xeral Antón Gómez-Reino, e aposta por concorrer o 5 abril baixo a marca Galicia en Común, empregada  nas eleccións estatais de 2019. Esta sorte de Unidas Podemos á galega ten asegurada a participación de Esquerda Unida. A súa candidata Eva Solla incidiu onte en que teñen a "man tendida" e animou a "non abandonar a unidade", pois "non sobra ninguén". Moi ao contrario do que se percibe desde Anova, que, en palabras de Martiño Noriega, ven Podemos cunha "posición hexemónica" sobre o espazo político. Segundo o responsábel de relacións de Anova co espazo político, a cuestión non está na "nomenclatura" da candidatura ou na persoa que a encabece, senón en que se recollan "todas" as sensibilidades en condicións de "igualdade" para continuar coa "unidade popular" iniciada en 2012 coa Alternativa Galega de Esquerda (AGE).

"Sabemos que hai un amplo sector da poboación que demanda que esa chave de cambio teña todos os dentes", sostivo onte Noriega, para advertir de que "prescindir" do soberanismo e do municipalismo pon "en risco" a posibilidade de que se produza "un cambio político" na Galiza. Por outra parte, o ex alcalde de Compostela excluíu En Marea destas "conversas", que non "negociacións", como xa fixera o portavoz de Anova, Antón Sánchez, após a reunión da Coordinadora da formación nacionalista. Noriega cre que o partido liderado por Luís Villares, "despois de perder o apoio das organizacións" que no seu día o crearon, "tivo a oportunidade de testar" a súa oferta política nas eleccións estatais do pasado mes de maio, nas que obtivo pouco máis do 1% dos votos.

Caballero reúnese con Caballero en Vigo

A outrora mala relación entre Abel Caballero e Gonzalo Caballero, tío e sobriño, fica xa no esquecemento e mellora a golpe de adianto electoral. Metido xa en campaña, o candidato do PSdeG acudiu a Vigo porque "é un exemplo de como gobernan os socialistas" cunha equipa municipal, a do seu tío, "referente das políticas municipalistas" e porque esta foi a primeira parada dunha rolda polas cidades galegas, das que Alberto Núñez Feixoo é "un inimigo político".

"Galiza necesita novas políticas de vertebración territorial e impulsar un crecemento liderado polos espazos urbanos", salientou Gonzalo Caballero, quen puxo o exemplo da cidade olívica, que para Feixoo estivo "relegada a un caixón". "Vigo avanza cun proxecto liderado polo alcalde, mentres que a Xunta se dedicou a pór paus nas rodas", sostivo. "Galiza é moito, pero vai a menos con Feixoo" polos seus recortes en sanidade, en educación ou pola falta de políticas industriais, criticou o líder do PSdeG, que tamén censurou a presenza do candidato popular á reelección na cidade: "Veu a Vigo despois de abandonar a cidade durante 11 anos, para utilizala como trampolín electoral, despois de incumprir os seus compromisos".

A campaña do BNG: "intensa" e "a pé de rúa"

A candidata do Bloque Nacionalista Galego á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, salientou onte que ultiman unha campaña "intensa, a pé de rúa e de proximidade" cun programa "participativo" coordinado pola viceportavoz parlamentar, Olalla Rodil, e polo deputado Luís Bará. "Unha campaña de proximidade", explicou, "na que poidamos falar cara a cara, na que pisaremos moita rúa e petaremos en todas as portas para pedir o apoio ao noso proxecto de país, sólido e solvente, capaz de mellorar a vida das persoas".

"Advertímoslle ao PP e ao seu candidato Feixoo que non imos deixar pasar por alto ningunha das súa mentiras, non imos permitir que siga instalado na propaganda e no engano. É unha burda mentira a súa declaración de independencia con Madrid tras dez anos de ser o presidente da submisión, do servilismo, do si bwana, primeiro a Raxoi e agora a Casado, dez anos exercendo de dilixente recadeiro, traizoando a Galiza e permitindo todas e cada unha das discriminacións e dos agravios a este país", aseverou.

Polo tanto, a nacionalista reivindicouse como "a única garantía de ter un Goberno coas mans libres" e afirmou que o BNG sairá a "gañar o partido, non para un empate, nin para quedar en segunda posición" o 5 de abril.

O PP mete en campaña o estatuto electrointensivo

O actual presidente da Xunta e candidato á reelección mantivo onte unha xuntanza co comité de Alcoa para coñecer as alegacións que presentarán ao estatuto electrointensivo do Goberno de Pedro Sánchez e chamou a facer "unha fronte común". "Levo 11 anos como presidente e nunca vin tan preto o feche de Alcoa", dixo á vez que volvía a abrir as portas do PP ás dirixentes de Ciudadanos. Ademais, Feixoo incidiu en que o 5 de abril saia das urnas "un Goberno que non dependa de ninguén, senón de si mesmo".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube  

comentarios