Sobre Camilo

Reproducimos a seguir o discurso de laudatio que pronunciou o escritor Suso de Toro durante o acto de entrega a Camilo Nogueira do Premio Trasalba, recoñecimento que institúe a Fundación Otero Pedrayo.

Camilo Nogueira, nunha entrevista de 2016. (Foto: Nós Dairio)
photo_camera Foto: X.M.

Teño o orgullo de pertencer a un país que dá persoas tan valiosas como Camilo Nogueira Román, a pena tamén de pertencer a un país que non ten sido capaz até agora de aproveitar as capacidades dos propios fillos que crea.

Non acredito no pupilato de mestre ningún, mais acredito no maxisterio. Cada quen debe procurar onde achar o maxisterio que precise e logo mirar de recibilo a certa distancia, ter sempre unha reserva para garantir a liberdade de criterio. Precisamente o maxisterio máis proveitoso, o que nos fai libres é o que se recebe de quen vive o seu destino libremente, sen ollar para as costas e sen pretensión de ter pupilos. Por iso digo con naturalidade que considero a Camilo Nogueira o meu mestre para cousas fundamentais, e mais digo tamén que é mestre para min pola admiración que libremente lle teño.

Á altura da miña propia vida, o ter practicado varias profesións e o ter andado enleado nas angueiras sociais fixeron que coñecese moitas persoas aquí ou aló, son afortunado xa que coñecín persoas intelixentes e valiosas, pois en ningunha outra encontrei como no noso amigo unha mestura tan vivificante de intelixencia audaz, nobreza e valentía. E, por iso mesmo, alegre.

Digo con naturalidade que considero a Camilo Nogueira o meu mestre para cousas fundamentais

Mais como debo explicar o motivo e os fundamentos deste recoñecemento que se lle fai hoxe aquí, teño que precisar que esas capacidades o rapaz do barrio vigués do Calvario púxoas de modo absoluto ao servizo dun soño chamado “Galiza”, máis concreto, “a nación galega”. Unha nación que pode ser interpretada de moitas maneiras mais tan fecunda, ancha e real que nela poderían convivir e conviviron aquel don Ramón Otero Pedrayo, a quen coñecimos como o oficiante dun vello rito aveso, co fillo daquel Camilo Nogueira Martínez, o escultor do agrarismo e o galeguismo e dirixente do Partido Galeguista vigués. Otero ofrecíanos unha visión persoal e sentida dun pasado tan real como imaxinado, os Nogueira ofrecían e ofrecen a continuidade xeracional dun futuro posíbel. O galeguismo cara atrás e cara adiante. E no caso do noso Camilo, ao soño nacional hai que lle sumar a utopía da esquerda. O galeguismo é unha forza creadora de realidades diversas.

Hai quen crea realidades históricas a través da capacidade destrutora da guerra e quen crea a través da paz, o Camilo é desta xente. É da xente que inventa técnicas e tecnoloxías que cambian a vida, da xente que agrupa e organiza as capacidades económicas, da que crea organizacións sociais para avanzar, da que analiza o que ten diante e ofrece solucións, da que fai todo iso alimentada por un soño utópico….

Otero ofrecíanos unha visión persoal e sentida dun pasado tan real como imaxinado, os Nogueira ofrecían e ofrecen a continuidade xeracional dun futuro posíbel

Camilo por natureza é un intelectual, aínda que a súa figura non encaixe nunha cultura modelada polo academicismo borbónico e campe fóra de calquera linde. O seu campo é o pensamento, mais non é un pensamento estático que dea voltas sobre si mesmo, senón que se dirixe a realidade que o rodea para transformala.

Primeiro vén o momento da observación, a contemplación do que se ten diante buscando comprendelo, sen arañeiras na ollada, sen a pexa dos prexuízos que abordan a realidade afirmando ou negando previamente. Camilo entende que a realidade é complexa e, sobre todo, que a realidade é. E que iso que é non pode ser negado, a realidade existente hai que recoñecela coas súas dificultades e as súas posibilidades, aceptala primeiro se despois un quere cambiala.

Sen o aceptamento da realidade non hai posibilidade de cambio, quen nega o existente e se refuxia nunha idea abstracta, nun cliché ideolóxico, non pretende cambiar o mundo, só pretende refuxiarse nun soño hermo e inútil, autoxustificativo e estupefaciente. E os verdadeiros soños sempre son, dun xeito ou doutro, fecundos.

Sen o aceptamento da realidade non hai posibilidade de cambio, quen nega o existente e se refuxia nunha idea abstracta, nun cliché ideolóxico

Tras o aceptamento da realidade, vén o seguinte momento, procurar e achar o modo de transformala. E para iso é preciso partir das posibilidades que ofrece o existente, o Camilo sempre acha posibilidades e valores no que o rodea. Dise del por iso que é “optimista”. Non é tal, simplesmente é alguén que observa a vida con curiosidade e humildade, que no Camilo veñen ser o mesmo.

Entendamos humildade non como sumisión senón como o contrario, como un acto do ánimo, unha afirmación que atende e recoñece cada cousa por ela mesma, que non nega os seres para afirmar “o Ser”, que valora o diverso para integralo nun “algo” e que comprende o dinamismo e así logo recoñece nese “algo” a ánima que lle é propia e comprende que todo é un proceso en marcha.

O Camilo sabe que as súas posicións son minoritarias aínda, mesmo dentro do seu propio país, mesmo dentro do galeguismo e o progresismo, porén fía en que detrás duns tempos veñen tempos e esas ideas hanse de abrir camiño.

Ese pensamento creativo expresouno na vida por distintos camiños, a través das profesións, a través da política e a través do estudo e a investigación. Falta que un día pare a facer unha reflexión sobre o seu traballo profisional como creador de empresas, esa había ser unha boa achega ao noso patrimonio de experiencia que aínda nos debe. Se se reúnen eses tres aspectos do que nos leva ofrecido veremos que non hai figura de tal dimensión entre nosoutros, os galeguistas, entre nós, os galegos e galegas. Porque o Camilo non só quere transformar a realidade social, iso faría del un reformista social e un rexenerador nacional, os seus actos para cambiar a realidade son actos a favor da vida e contra a Historia.

Non lle neguemos a Nogueira o seu carácter mesiánico, porque o ten, non lle neguemos a súa soberbia tan humana que se rebela contra deuses ou semideuses que lle negan o seu soño. Ninguén se engane coas súas maneiras adoito corretas cara os demais, Camilo é un rebelde e o seu soño é a rebelión contra a Historia.

Non lle neguemos a Nogueira o seu carácter mesiánico, porque o ten, non lle neguemos a súa soberbia tan humana que se rebela contra deuses ou semideuses que lle negan o seu soño

Sendo un intelectual puro, o seu modo de proceder non é o soño literario, senón a actuación do revolucionario. Non é un intelectual da forma tan común entre nós, o “homme de lettres”,o “home de letras” (ou muller, se así for), que pola súa mesma natureza propende á melancolía, senón o intelectual propio dunha nación en marcha. Unha nación que aproveita as enerxías que ela mesma crea para seguir camiñando e afrontando os novos problemas. O Camilo é cidadán dunha nación que entre nós non existe. Eis o motivo polo que se sinte insatisfeito coa marcha das cousas do seu país, e aínda así non se sinte frustrado.

O noso homenaxeado hoxe aquí pertence a unha xinea de galeguistas que tivo o seu momento de expansión nos anos da República e que foi esmagada pola represión do fascismo español, que permitiu únicamente a supervivencia das formas máis mornas ou soidosas do galeguismo que lle pareceron inocuas.

Encontro unha semellanza co galeguismo republicano insubornábel do Valentín Paz Andrade, aquel facedor. Como o del, o pensamento do Camilo é aberto e mais expansivo, trata dunha Galiza que viaxa e se estende alén dos mares, como así entenden ambos a nosa lingua, unha Galiza confiada e moderna que aproveita os seus propios recursos para crear novas formas da economía industrial. Como diría o noso amigo aquí unha vez e máis outra, “unha Galiza sen complexos”.

Encontro unha semellanza co galeguismo republicano insubornábel do Valentín Paz Andrade, aquel facedor

Por aquelas viña eu de ler “La marginación de Galicia”, no que o Valentín denunciaba a dependencia e o expolio que facía e fai a metrópoli madrileña da nosa terra, e mais “Galicia como tarea”, onde detallaba os traballos a facer pola cidadanía deste país cando sentín falar por primeira vez do Camilo Nogueira, “o dos obreiros de Vigo”. Eu era un mociño que procuraba a miña tarefa e sentín falar dun home de acción, de alguén que usaba as ideas como se fose unha máxica chave inglesa. Aquel era o meu galeguismo, non o dubidei.

Van aló moitos anos e el segue a canear, pregúntenlle a que anda, hanse sorprender desa súa audacia intelectual intacta. Non o vai recoñecer en voz alta, porén el sabe que moitas das súas ideas, iniciativas, análises foron incorporadas dun xeito ou doutro ao capital do noso país. Insatisfeito, mais íntimamente orgulloso do traballo feito, pois, como dixen, ser non será optimista como din mais conservou toda a vida unha visión positiva das cousas.

Pregúntenlle ao Camilo como ve o seu país e diralles “está mellor que nunca. Nunca a Galiza tivo as posibilidades que ten hoxe, estas xeracións novas e a sociedade tan preparada. Non se compara o nivel de conciencia e de orgullo de cando empezamos nós. E repara nesa xente nova das aldeas que conserva a lingua e a mocedade urbana que algunha o fala e outra sábeo falar. E iso con todo en contra, o do galego é un éxito histórico inaudito...” Camilo podería seguir así unha hora.

Pregúntenlle ao Camilo como ve o seu país e diralles “está mellor que nunca. Nunca a Galiza tivo as posibilidades que ten hoxe, estas xeracións novas e a sociedade tan preparada"

Facer unha paseata co Camilo é aprender a ollar o entorno con outros ollos, “olla esa casa nova, non é linda como debera, mais esa xente agora ten auga corrente e quente, os fillos estudan...Fáltalle pintar, mais cando lle dean unha man de branco ha ser unha casa como hai tantas polas aldeas de Europa adiante e a ninguén lle chama a atención.” Ou “atende a eses rapaces que van por aí, son dunha aldea de por aquí, non se distinguen dos da cidade. Hai uns anos a xente de aldea identificábase por como vestía, con roupa máis vella ou fóra de moda. Agora, grazas aos mercadillos, vesten a última moda como o resto da xente. Dá gusto velos”. Ou calquera outra cousa podería dicir. Esa ollada que non esquece como eran as cousas e como son agora, que sabe o que se perde e tamén e primeiramente o que se gaña.

Porque a patria do Camilo é este presente, un presente no que el non deixa de ver as feridas e as rupturas mais tamén encontra os fíos da tradición e da continuidade. A súa utopía é para ser realizada non nun país e un tempo imaxinario cunha populación imaxinaria e idealizada senón neste país no que estamos vivos a xente que somos, e neste tempo que nos ofrece a vida que nos foi dada e a historia que nos ocorreu.

A súa utopía é para ser realizada non nun país e un tempo imaxinario cunha populación imaxinaria e idealizada senón neste país no que estamos vivos a xente que somos

Porque el ve o noso presente interpretado a luz da historia. Asociado a ese rasgo do seu carácter tan afirmativo, afirmativo de el propio e afirmativo da súa xente, está o analisar cada fenómeno ou cada asunto no seu contexto histórico, é algo natural nel. Ninguén dubide que para falar de calquera asunto, tan veloz como un resorte, fará previamente unha comparanza co pasado de onde se vén e, tamén, coas realidades doutros países. Camilo sábese el e sabe a súa Galiza na Europa e no mundo. Sobre iso ten escrito e publicado libros abondo. E iso, saberse no medio do mundo, que a outras persoas dálles temor e encóllelles o corazón, a el dálle alegría porque, como adoita dicir, “non hai que ter unha visión encollida das cousas. Eu vexo a Galiza como un país calquera no mundo, cos seus problemas e todas as súas capacidades”. Ese non ser encollido e ver a vida sen complexos é o que o resume todo a el.

Esa é a explicación dos seus estudos de historia que nos vén ofrecendo nos últimos anos, estudos imprescindíbeis. Aproveitando o fecundo traballo dos nosos historiadores nas últimas décadas estanos a dar unha interpretación da nosa historia cunha ollada limpa e auténtica. Estudos belixerantes na recuperación da existencia do Reino e do país sepultado baixo a historiografía castelanista.

Aproveitando o fecundo traballo dos nosos historiadores nas últimas décadas estanos a dar unha interpretación da nosa historia cunha ollada limpa e auténtica

Para Camilo a historia non é un fracaso nin o camiño dalgunha apocalipse, polo que tampouco a nosa historia é unha condena sen remedio. Analiza e sitúa os nosos problemas derivados da nosa dependencia, problemas que teñen solucións concretas e posíbeis no mundo que nos toca vivir. Nada máis lonxe desa desesperación autodestrutiva que late de modo tan rechamante na maior parte do nacionalismo galego actual. Só podemos comprender esa desesperación impotente como un dos prezos que pagamos pola ruptura histórica co galeguismo republicano.

A súa confianza en que a Galiza é posíbel lévao a argumentar evidencias. Eis a explicación do combate ideolóxico co españolismo tanto na historiografía como nas ideas establecidas e na loita política. Eis a explicación do seu escribir sobre a nosa posición en Europa e no mundo. Libros, cantos libros non leva publicado o Camilo? E digo que calquera deles é imprescindíbel, imprescindíbel para quen queira aprender a tirar de nós o pesimismo, a morriña, os preconceitos que non nos deixan pensármonos. Imprescindíbel para aprender a coñecer as nosas posibilidades.

Se hai entre nós unha vida de lealtade a Galiza ese é a do Camilo. Desde o mociño universitario que en Madrid procura a outros galegos con inquedanzas galeguistas, o xove enxeñeiro que preside a Asociación Cultural Viguesa nos primeiros anos sesenta, lembra alguén aquela pegatina “Falemos galego”?

Nada máis lonxe desa desesperación autodestrutiva que late de modo tan rechamante na maior parte do nacionalismo galego actual

Mais digamos ben alto e de vez que Camilo é un político, un político noso tamén. A miseria moral e cultural do franquismo fixo crer que a política era mancha, a debilidade do galeguismo do interior debilitou tamén a figura do político e o esperpento dunha sociedade sen nervo cívico como a española fainos crer que o político é indigno. Quen acredite na democracia, iso é a vida social libre, non pode aceitar iso e debe restablecer o lugar da política nas nosas vidas e do político como unha prolongación de nós propios. Agora que a sociedade non ten para onde mirar, cando os vellos políticos dan pena e envellecen sen dignidade, cando os novos enzóufanse na soberbia obscena, podemos ollar sen vergoña e con orgullo para este home que temos aquí. Temos a sorte de coñecer a un político exemplar, unha persoa que reclama para a política a intelixencia, o ideal e acreditou a honradez.

A política como un campo intelectual cheo de creatividade, de responsabilidade e de capacidade para cambiar as cousas, a sociedade. Camilo non ten dúbidas, a política incorpora e inclúe os demais campos da creatividade individual e social, a arte, a economía, as iniciativas solidarias…, e a política é o instrumento, pode que o único, para cambiar a situación e a historia do noso país. E a política foi o modo que lle correspondeu segundo o tempo que lle tocou vivir.

Camilo non ten dúbidas, a política incorpora e inclúe os demais campos da creatividade individual e social, a arte, a economía, as iniciativas solidarias…

Desde a clandestinidade de Galicia Socialista e logo a UPG, a fundación do SOG... Hai que lembrar logo a súa detención, o seu paso por comisaría franquista, o seu despedimento? Quen dá exemplo de militancia como a súa? A fundación da AN-PG. Sabe alguén que a bandeira azul e branca coa estrela que hoxe porta tanta mocedade, a “estreleira”, foi rexistrada legalmente no Ministerio como símbolo da AN-PG por Bautista Álvarez e Camilo Nogueira? O programa económico das Bases Constitucionais. A fundación do POG, de Unidade Galega, a loita pola automía que nos querían negar, algo hoxe tan evidente e que entón condenaba a ser descalificado por tanta xente nacionalista galega. A participación na redacción do Estatuto dos 16. Se a autonomía galega tivo pais que a forxaron contra os designios dos partidos estatais, un foi Camilo.

O deputado da Esquerda Galega incansábel, actuando como se un home fose todo un grupo parlamentar. A ese grupo parlamentar dun só home debemos moitas leis existentes hoxe de todo tipo, entre elas a Lei de Normalización da nosa lingua. Eurodeputado polo BNG igualmente infatigábel, intelixente, belixerante, útil...Con el a nosa lingua estivo no Parlamento Europeu a falar das nosas ansias e necesidades. Grazas a el puidemos ser recibidos e atendidos os representantes de “Nunca máis” no parlamento europeu, cando o noso parlamento e o parlamento español, dominados pola dereita españolista quixo afogar o noso drama.

Pois dese home leal debemos dicir ben que é un moderno, no mellor sentido da palabra no senso de alguén que dun modo natural atende, asimila críticamente as cousas novas que a vida nos vai ofrecendo e por iso nunca deixou de evolucionar nas súas análises. Hai décadas ante a incorporación da muller á vida social comprendeu de vez que a grande revolución do noso tempo era a liberación da muller e que ese proceso modularía todas as visións sobre a sociedade.

Esta homenaxe ten ese carácter de recoñecer e celebrar unha vida pública, ben está. Porén a vida ao cabo xustificámola a soas con nós mesmos e aí, amigos e amigas, o Camilo demostra a coherencia entre pensamento e vida. Se foi capaz sempre de sobreporse a contrariedades cun pensamento construtivo, na súa vida persoal non poderá tampouco sentirse fracasado, pois un triunfo sen volta é querer e ser querido e o Camilo viviu e vive mergullado nun nimbo de afectos e amor. Ten a fortuna de ter unha envoltura familiar frondosa e barulleira e o seu éxito maior leva nomes de muller, o nome da súa compañeira, Paz, o dunha filla chamada Alba e o dunha filla chamada Natalia.

A vida ao cabo xustificámola a soas con nós mesmos e aí, amigos e amigas, o Camilo demostra a coherencia entre pensamento e vida

Os demais podemos agradecer hoxe aquí o seu exemplo de coraxe, nunca agónico e sempre firme e insistente. E celebramos a amizade e a irmandade na nosa teimosía, chamámoslle Galiza e proclamamos o seu nome, que é para nós o nome das cousas boas e nobres. Como Camilo e outros guieiros nos aprenderon.

Obrigado ao Patronato desta fundación por terme concedido este privilexio de gabar a figura do noso mestre. Nesta Trasalba, "baixo a prácida sombra dos castaños/ do noso bon país", como di Rosalía, agardo en adiante das universidades galegas o recoñecemento do valor da figura de Camilo Nogueira, porque este país ten que recuperar a dignidade e aprender a quererse, respectarse e merecer respecto. 

Comentarios