“Camilo, querémoste”, unha emocionada homenaxe nacional a Camilo Nogueira

Cento de persoas encheron un Auditorio de Galiza no que se acumularon parabéns, lembranzas e agradecementos ao político galego, “un dos bos e xenerosos” do que se resaltou a súa honestidade e o seu compromiso co país.

homenaxe camilo nogueira
photo_camera Imaxe: Natalia Porca

Camilo Nogueira recibiu en Compostela unha homenaxe que non quería. Desvelouno Suso de Toro, un dos organizadores do acto, cando desde o escenario confesou perante os centos de asistentes: “Lucho [nome co que os amigos e familia se refiren a Camilo] non quería esta homenaxe”. E narrou como Camilo se presentou nunha das xuntanzas da comisión organizadora do acto para deixar claro que non quería tal ofrenda. “Tivemos que lle dicir que a íamos facer igual e que se non quería, que non viñese”, explicou, para rematar cun afortunadamente “aquí está”.

“Estamos aquí os que nos sentimos parte da mesma nación”, Camilo Nogueira

E si, Camilo Nogueira estivo, acompañado por Paz, a súa compañeira, pola súa familia e por centos de persoas. A Homenaxe Nacional a “un bo e xeneroso”, como se cualificou o político vigués por non poucos intervintes, foi o recoñecemento a un referente. A presenza dos portavoces parlamentares das catro forzas políticas (PP, En Marea, PSdeG, BNG), o apoio de sindicatos, Real Academia Galega, AGAL, A Mesa, o Colexio de enxeñeiros, alcaldes como os de Pontevedra, A Coruña, Rianxo, Ribadeo... indican o grao de coincidencia en torno á importancia do seu papel.

“Camilo encarna aquilo no que se pode confiar”, Manolo Rivas

Camilo Nogueira.Galiza

Fiel a si propio, á súa coherencia e traxectoria , Camilo Nogueira, cando ao final do acto subiu ao escenario para tomar a palabra, adicou eses minutos a Galiza. “Eu aínda non mo creo”, recoñeceu ao comezo da intervención, abrumado pola sala ateigada e polas intervencións precedentes. “Boto de menos Domingos Merino”, recoñeceu a seguir, en referencia ao amigo e camarada que non podía estar alí. A partir de aí, Galiza. Falou de historia, de lingua, de demografía, de como é imposíbel entender o que pasou no noso país nestes séculos sen ter na ecuación un elemento fulcral: “A marxinación brutal e inxusta de Galiza polo Estado”.

“Un home recoñecido por todo o país e respectado pola súa coherencia”, Suso de Toro

Apelou ao compromiso e ao traballo para defender Galiza como unha nación no mundo, “podemos ser un estado, nunha Europea sen fronteiras”, manifestou, ao tempo que apelou a a que “o noso lugar no mundo é a Unión Europea, unha UE distinta, xusta, contraria ao capitalismo depredador”.

A memoria da Nación

Mais a intervención de Camilo, e o canto do Himno Galego, foron o broche a unha homenaxe de máis de dúas horas nas que houbo música (Tundal, Pardal na Rúa, Uxía), lembranzas, anécdotas e reflexións políticas. O acto foi conducido pola xornalista Fernanda Tabarés e os escritores Manuel Rivas e Suso de Toro. “Camilo encarna aquilo no que se pode confiar”, dixo Rivas, que invocou Leonard Cohen para lembrar que “o amor non ten cura, mais todos os males teñen cura no amor. Para min Camilo encarna o amor á Terra”.

“Únesnos como nos une Galiza e como nos une o mapa de Fontán: en ti vai todo un país”, Ana Pontón

De Toro lembrou cando coñeceu a Camilo, 40 anos atrás, na fundación do POG, o Partido Obreiro Galego. Reflexionou sobre como chegou ser “un home recoñecido por todo o país e respectado pola súa coherencia”.

“Camilo, Querémoste”

Pasaron polo escenario compañeiras de proxectos e militancia. Como Pencha Santamariñas, Ana Gandón e Ana Miranda. Pencha, explícita, afirmou que Camilo leva “na fronte gravado o h da honestidade” e destacou como el sempre vía o lado positivo das cousas, algo que o caracteriza tanto como o de ser unha persoa “que sempre procura a confluencia e non a confrontación”.

“Con el descubrimos unha nova dimensión do proxecto nacional galego”, Luis Villares

Unha emocionada Ana Gandón falou de Camilo Nogueira como "referente político e un referente ético imprescindíbel”, unha persoa con firmeza nas conviccións democráticas e na confianza nas forzas políticas propias. Cun emocionado “Camilo, querémoste”, puxo o ramo á súa quenda, collendo o relevo Ana Miranda, quen lembrou os anos de traballo xuntos, de amizade e confidencias, de compromiso e loita. “Del aprendín que se pode ser boa persoa facendo política”.

“Hai que resaltar a súa honestidade, a súa coherencia”, Xaquín F. Leiceaga

As voces do Parlamento

Non é habitual ver os catro portavoces parlamentares coincidir nun acto fóra da Cámara, mais a Homenaxe Nacional desta sexta feira fíxoo posíbel. Xaquín Leiceaga destacou a súa honestidade, a coherencia e o comportamento democrático. “Foi o arquitecto de moitas cousas, como o estatuto dos 16”, lembrou e tamén tivo palabras para destacar o “europeísmo” de Nogueira.

“Foi un construtor de espazos para o debate”, Pedro Puy

A súa coherencia tamén foi destacada por Ana Pontón (BNG), quen dixo que era “un referente fundamental”. Foi quen de “no país dos mil ríos, tender mil pontes” e puxo en valor que é capaz de unir persoas de traxectorias diferentes. “Únesnos como nos une Galiza e como nos une o mapa de Fontán: en ti vai todo un país”. O portavoz popular, Pedro Puy, destacou do homenaxeado que foi un “construtor de espazos para o debate”. Luís Villares (En Marea) lembrou como da man de Camilo Nogueira descubrira a finais da década dos 90 “unha nova dimensión do proxecto nacional galego, a dimensión europea”, e como mantén a vixencia “a idea dunha Galiza libre nunha Europa libre e social”.

“É un referente político e un referente ético imprescindíbel”, Ana Gandón

O políticos dos chistes de vascos

Interveu tamén o ex-eurodeputado vasco e cantautor Gorka Knorr, que comezou a súa intervención en euskara para, após pedir “que non cunda o pánico”, pasar ao galego. Lembrou os anos de traballo compartido entre ambos os dous no Europarlamento na defensa dos dereitos dos pobos e das maiorías sociais. “Desde o paso de Camilo, o Europarlamento ten sotaque galego”, afirmou. E desvelou esas anécdotas que non poden faltar nunha Homenaxe e que axudan a coñecer máis á persoa. Dixo Knorr botar de menos “os chistes de Camilo”. Basicamente porque “empeñábase en explicarme os chistes de vascos”, lembraba entre os risos do Auditorio.

A outra anécdota daba ben conta da personalidade do político nado no Calvario hai 80 anos. “Nas tertulias en Bruxelas, tanto ten que foramos 9 ou 11, e de diferentes países, sempre acabamos falando dos Trastámara e o Reino de Galiza”. Galiza, alfa e omega de Camilo Nogueira, como testemuñaron as voces na Homenaxe Nacional. Unha nación á que sirveu, e serve, con coherencia e honestidade, destacaron todos. “Un bo e xeneroso”, cualificouno Fernanda Tabarés. Como ben di o Himno Nacional.

Comentarios