Camilo Nogueira: ''Os que fuxiron do BNG non foron quen de facer unha candidatura conxunta''

O político e ensaísta vén de publicar dous novos títulos: 'Para unha crítica do españolismo' e 'A rota do sol'. Para alén do seu prolífico labor literario, fecha a candidatura do BNG pola Coruña. Falamos con el do panorama electoral cara ao 21-O e dos últimos movementos que se deron no taboleiro do nacionalismo
Camilo Nogueira
photo_camera Imaxes: Riobó Prada


Pregunta: Ao non faceres parte do BNG desde os seus comezos, o teu nome estaba nas quinielas para abandonar a fronte após a asemblea de Amio. Por que decides quedar?

Resposta: Até os anos 70 fixen parte da UPG, e eu e máis Bautista --Álvarez-- eramos os dirixentes da ANPG. Mesmo fun un dos redactores das bases para un pacto federal. O que pasa é que na transición moita xente defendeu que había que loitar por un estatuto de nación. E esa foi a xustificación pola cal emprendemos outra vía. E... agora é cando che explico por que quedo, non si? (ri)

P: Si, coido que é agora!

R: Pois... o que teño que explicarche é por que decidín non marchar. Para quedar non tomei ningunha decisión! Por que ía marchar? Como sabes, non pertencía a ningunha corrente organizada dentro do BNG. Antes da asemblea só contribuín, non en primeiro plano mais si de forma bastante importante, a que se formase unha candidatura que pretendía crear un polo forte que equilibrase o outro, o da UPG, e avanzar a través do diálogo cara á conquista da maioría da sociedade a través do nacionalismo. Podemos fracasar, evidentemente. Mais hai que intentalo. Ese resultado que queriamos conseguímolo! Tanto ten que gañaramos nós ou eles por uns votos, a intención estaba aí. E, de súpeto, boa parte dos que eran os meus compañeiros na candidatura... fuxiron.

"De todos os partidos que se presentan o 21-O, o BNG é o que leva un programa máis coherente"

P: Fuxiron?

R: Fuxiron, si, e para min de maneira absolutamente incomprensíbel, por non dicir que foi unha fraude para os que faciamos parte desa candidatura. Non estabamos aliados con eles para marchar, senón para quedar! Na votación quedamos practicamente empatados, e nunha asemblea que rexistrou maior asistencia que nunca, con 4.500 compañeiros. Non son eu quen ten que explicar por que quedei. Teñen que explicar eles por que se foron, porque nin sequera foron capaces de faceren unha candidatura conxunta nestas eleccións.

Cando decidimos facer aquela candidatura pensabamos que o BNG non podía ficar alleo á loita política, tamén desde as administracións, desde o goberno. E eles puxeron iso en perigo! Aínda así, estou convencido de que podemos gañar estas eleccións. Evidentemente non sós, mais cómpre acometermos un cambio de política que nós dirixamos. Aquela foi unha decisión moi desafortunada, mais nós puxémonos de novo en pé.

P: Cando Esquerda galega se integrou no BNG --en 1995-- todo o nacionalismo galego estaba baixo as mesmas siglas. Segue a estalo a día de hoxe?

R: O nacionalismo organizado está, e debe estar, no BNG. Non quero entrar nesa dialéctica. Si que diría que fai falta unha organización situada no centro, sempre nacionalista, e non vexo eu como a xente que marchou poida protagonizar esa aventura. Agora, se queren montar outros partidos eu aí non me meto. Nin con quen se alíen. O que pasa é que... tamén para estabelecer unha alianza hai que ter argumentos, non? E aquí carecen de argumentos.

P: Que foi o que levou a Camilo Nogueira a situarse fechando unha candidatura?

R: (sorrí) Pedíronmo. Podía estar na Executiva e non quixen. Son do Consello nacional, e de Abrente neste momento. Creo que conseguimos unha candidatura plural e pedíronme que fose o último. Se non mo pediran para min sería mellor...

P: (interrompo) Preferías non estar?

R: Non tiña a decisión de estar. Mais bon, xa todo o mundo sabe que eu... pretendín ser o candidato á presidencia do goberno galego. E xa que estou, estou con gusto (ri) Espero que a miña presenza axude a que o BNG conquira os seus obxectivos, que son os meus.

P: Como se afrontan estas eleccións?

R: Os nacionalistas temos que convencer da nosa capacidade como nación. Non é negar que obxectivamente sen ela non somos unha nación, pois hai razóns históricas para afirmalo, máis que en Catalunya. Mais o feito de nos constituír nunha entidade estatal require da conquista da vontade da maioría da poboación. Nós non necesitamos para nada de Madrid.

Galiza ten unha renda por habitante do 92% da renda europea, que non se plasma na capacidade recadatoria porque o sistema fiscal nega esta realidade. Que razón hai para dicir que non podemos? Mais iso é o que se difunde como ideoloxía en Galiza, e moitos non teñen elementos suficientes para decatarse de que non é verdade.

De todos os partidos que se presentan o 21-O, o BNG é o que leva un programa máis coherente e, ao mellor é simplemente un desexo, mais coido que imos ter moi bos resultados. Desde logo, acertou nas posicións de loitas sociais que se deron en Galiza neste tempo, e entrou na batalla de que no Estado español ten que haber unha mudanza institucional que recoñeza máis cedo que tarde o carácter nacional de Catalunya, Euskadi e, por suposto, Galiza.

Comentarios