O cambio de escanos do PP custa ás galegas 450.000 euros anuais

Todas e todos os conselleiros do Goberno galego deixarán o seu escano no Parlamento, a excepción dos dous vicepresidentes, o primeiro, Alfonso Rueda; e o segundo, Francisco Conde.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento galego (Foto: Parlamento galego).
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento galego (Foto: Parlamento galego).

Todas e todos os conselleiros do Goberno galego deixarán o seu escano no Parlamento, a excepción dos dous vicepresidentes, o primeiro, Alfonso Rueda; e o segundo, Francisco Conde. Así o anunciou este 15 de agosto o titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na Cámara galega

En total, son sete as e os conselleiros que deixan o escano e, por tanto, empezarán a correr as listas do PP para dar cabida no Hórreo a sete substitutos. Como debido ao seu cargo no Executivo as e os conselleiros non cobran do Parlamento, e sempre que os sete novos teñan dedicación exclusiva -como se prevé que aconteza-, o movemento de escanos de Feixoo incrementará o gasto público actual en parlamentarios en 450.00 euros anuais (60.000 euros anuais por deputado, 420.000 polos sete, o que dá uns 450.000 coas cargas sociais a maiores). Así, o aforro público de gasto en deputados cos conselleiros desaparece precisamente nun momento de crise económica. 

Alén dos vicepresidentes, a marcha tampouco afecta o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, e á de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; únicos membros do Executivo que non eran deputados esta lexislatura.

Por contra, abandonan o hemiciclo Fabiola García (Política Social), Valeriano Martínez (Facenda), Rosa Quintana (Mar), José González (Medio Rural), Román Rodríguez (Educación e Cultura), Ethel Vázquez (Infraestruturas e Vivenda) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente).

Todos os conselleiros que concluíron na pasada lexislatura obtiveron escano ao figurar en postos de saída. A maioría deles continuaron no cargo fóra da ex titular de Educación, Carmen Pomar, e o ex responsábel de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña. A primeira saíu do Goberno pero mantense como deputada, mentres que o segundo deixou o seu escano para asumir a presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo.

O BNG corrixe a Feixoo 

Após facer o anuncio, o presidente da Xunta espetou que BNG e PSdeG "serían incapaces" de que un Executivo presidido por eles "puidese entregar as actas para dedicarse ao Goberno".

Inmediatamente o BNG corrixiu Feixoo e enviou aos medios as renuncias ao escano rexistradas na Cámara en 2005 pola ex conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; e o de Industria, Fernando Blanco; nada máis estes dous nacionalistas entraren a formar parte do Goberno da Xunta naquel ano.

Comentarios