Galiza acollerá 20 menores de Ceuta mais Feixoo quéixase da repartición

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, queixouse dos criterios de repartición: "Imos ter os mesmos que a Comunidade de Madrid", aseverou.
Persoal sanitario atende menores en Ceuta (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)
photo_camera Persoal sanitario atende menores en Ceuta (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)

A Galiza acollerá 20 menores procedentes de Ceuta do total dos 200 que xa se atopaban na cidade antes da crise migratoria vivida nos últimos días alentada pola monarquía marroquí nun pulso contra o Estado español logo de que este prestase axuda humanitaria ao líder da Fronte Polisario, atendéndoo nun hospital da Rioxa.

Con todo, o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, queixouse dos criterios de repartición: "Imos ter os mesmos que a Comunidade de Madrid", aseverou.

"Discrepamos da repartición e duns criterios, unha vez máis, inventados; e discrepamos dos efectos chamada que realizou o Goberno [español] estes anos e de determinadas consideracións na xestión da crise", dixo o presidente galego. 

Ademais, puxo o acento en que a Galiza acollerá o mesmo número de menores que Madrid a pesar de ter un número de habitantes moi inferior.

Queixouse ademais de que nos criterios de distribución, o factor poboación só pese 20%.

En todo caso, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello do Goberno galego, Feixoo subliñou que "unha cousa é discrepar" dos criterios de repartición e outra "romper a unidade".

Así, subliñou que a Xunta da Galiza adoptou a decisión de aceptar "todos" os menores que propuxo o Goberno estatal.
 

Comentarios