A Cámara pide que se cubran todos os postos na sanidade marítima

O Estado mantén dez prazas sanitarias vacantes nas Casas do Mar.

O voto favorábel de todos os grupos con representación no Parlamento galego permitiu esta terza feira, 2 de marzo, a aprobación dunha iniciativa do grupo popular para instar a Xunta a demandar ao Goberno estatal a cobertura de 100% das prazas de profesionais do Instituto Social da Mariña (ISM), do que dependen as Casas do Mar. O ISM, que á súa vez depende do Ministerio de Seguridade Social, ten vacantes na Galiza 10 prazas do total da súa dotación: faltan oito postos médicos, un de enfermaría e un de oficial. 

A comisión tamén aprobou unha iniciativa do PSdeG para que Portos da Galiza "leve a cabo o acondicionamento" do paseo marítimo de Raxó (Poio), despois de "11 anos de paralización" das obras por parte da Xunta, criticou o PSdeG.

Non obtivo porén luz verde a proposta de Patricia Otero, voceira socialista de Pesca, que instaba a Xunta a impulsar medidas de apoio económico ás lonxas e vendedurías que están a sufrir as consecuencias económicas da Covid-19.

Otero lamentou o veto do PP a unha iniciativa que parte do PSdeG e da Federación galega de confrarías de pescadores, e que pretendía “paliar os impactos da pandemia” nun sector que “está a sufrir as consecuencias” da crise, derivadas “especialmente dos fechamentos e limitacións na hostalaría”. A facturación do sector “caeu drasticamente en 2020”, lamentou Otero. A socialista urxiu ademais o Goberno galego á realización de campañas de fomento do consumo de quilómetro cero “que apoien o sector produtor”; e á promoción dos beneficios do consumo de peixe e marisco. 

Aliás, a deputada do BNG na comisión de Pesca, Rosana Pérez, instou a Xunta articular medidas de apoio para as e os mariscadores afectados pola mortaldade de moluscos derivada do exceso de auga doce e, en consecuencia, a baixa salinidade nas rías de Arousa e Pontevedra, a causa dos últimos temporais.

Comentarios