O PP rexeita unha iniciativa que reclamaba axudas directas para os salóns de peiteado

O PP rexeitou unha iniciativa parlamentar que reclamaba "axudas directas inmediatas para paliar a situación económica" do sector dos salóns de peiteado, barbarías e locais de estética. Os populares consideran que é responsabilidade do Goberno estatal pór en marcha este rescate. 
Mobilización en Santiago pola redución do IVE nos salóns de peiteado. Imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización en Santiago pola redución do IVE nos salóns de peiteado. Imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario)

O PP impediu que prosperase na Cámara galega unha iniciativa que reclamaba "axudas directas inmediatas para paliar a situación económica" do sector dos salóns de peiteado, barbarías e locais de estética. A proposición, defendida polo BNG, instaba a Xunta a negociar co sector, agrupado na plataforma Crer en Nós, as condicións destas axudas.

Na defensa da proposta, a formación nacionalista lembrou que o pasado 17 de febreiro foi aprobada unha proposición no Parlamento que instaba o Executivo galego a demandar do Estado a redución do IVE dos salóns de peiteado, pasando de 21% a 10% e urxiu de novo a iso así como a avanzar en axudas directas. Para os populares a responsabilidade de habilitar axudas directas para o sector está no Goberno do Estado. 

A Cámara pide ampliar até 2024 as desgravacións fiscais polo Ano Santo

O Parlamento galego acordou  pedir ao Goberno estatal a ampliación do programa de apoio ao Xacobeo 2021 mediante desgravacións fiscais até o 31 de decembro de 2023. A iniciativa, que partiu na Cámara do PP, obtivo o apoio do BNG e a abstención do grupo socialista.

Por parte do PSdeG, Leticia Gallego tachou de "vergoñoso" que o sector turístico siga "á espera" da programación do Xacobeo por parte da Xunta, e que esta mentres se centre en facer demandas ao Executivo estatal en vez de gobernar. 

Pola súa banda, o nacionalista Daniel Pérez viu "lóxico e procedente" que se produza a ampliación, "porque así o solicita o sector", pero advertiu de que "a Galiza é moito máis que Xacobeo" e que mentres o Goberno galego se centra no Ano Santo, non está a apostar "por outras potencialidades" do país.

Tamén saíu adiante no Parlamento, neste caso por unanimidade dos grupos, unha proposta do PSdeG que insta á elaboración do mapa definitivo de xeodestinos turísticos da Galiza.

Fondos Next Generation

O Parlamento tamén instou a demandar do Goberno español que garanta "a viabilidade e o financiamento" da industria naval a través do mecanismo de recuperación e resiliencia dos fondos europeos de recuperación Next Generation, para combater os efectos da crise da Covid-19.

Na comisión de industria da Cámara, a iniciativa, autoría do PP, saíu adiante cos únicos votos a favor do grupo maioritario, o rexeitamento do BNG e a abstención do PSOE.

Por parte dos socialistas, Martín Seco enumerou actuacións do Executivo estatal para reivindicar que o seu compromiso está "demostrado". "Que achega a Xunta máis que problemas e falar mal do resto? Nada de nada", dixo.

Comentarios