A Cámara acorda solicitar as transferencias de tráfico

Foi en 2008 cando o Parlamento aprobou por unanimidade reclamar ao Estado as transferencias de tráfico. Porén, no Congreso, PSOE e PP impediron que prosperase. Agora, o debate volverá á Cámara Baixa, logo de que este 27 de abril o Hórreo dera luz verde á nova solicitude para a Galiza lograr as competencias de tráfico e seguranza. 
O Parlamento aproba reclamar as transferencias á Galiza en materia de tráfico, circulación e seguranza (Foto: Arxina)
photo_camera O Parlamento aproba reclamar as transferencias á Galiza en materia de tráfico, circulación e seguranza (Foto: Arxina)

O pleno do Parlamento galego aceptou a trámite a proposición de lei para debate no Congreso dos Deputados pola que se reclaman as transferencias á Galiza en materia de tráfico,circulación de vehículos e seguranza viaria. A iniciativa chegará á Cámara Baixa sen unanimidade, co apoio de 30 votos favorábeis, os do BNG -grupo impulsor da proposta- e os do PSdeG. O PP, pola súa banda, optou pola abstención.

Porén, no ano 2008, a reclamación das mesmas transferencias lograra o apoio unánime do Parlamento galego, incluíndo o dos populares, e foi defendida en 2010 no Congreso por membros do Parlamento galego do PP, PSdeG e BNG.

Mais finalmente, o voto contrario do PSOE -entón no Goberno estatal- e a abstención do PP impediron que prosperase.  

Este antecedente tróuxoo a colación esta terza feira, 27 de abril, o deputado do Bloque Luís Bará. “Só o BNG votou o mesmo na Galiza e no Congreso porque os partidos centralistas están a outra cousa: obedecer o que digan en Madrid”, espetou.

Alberto Pazos (PP) advertiu que era o POSE quen tiña a chave porque estaba no Goberno José Luis Rodríguez Zapatero. Ante isto, o socialista Pablo Arangüena apoiouse en que hai dous anos o PSdeG presentou no Parlamento a reclamación desta competencia para a Galiza.

A transferencia que reclama o  BNG atinxe a rede viaria, dispersión da poboación, clima, orografía, parque móbil e elementos que "explican a alta sinistralidade", mais tamén resulta chave, resaltou Bará, "para crear a policía galega integral que, a pesar de contar cunha lei aprobada en 2007, segue sen ser desenvolvida".

12 anos sen transferencias

Bará aproveitou o debate para reprochar a Alberto Núñez Feixoo que, durante os 12 do seu mandato, non se lograse unha soa nova transferencia. "Feixoo dixo sempre Galiza, Galiza, Galiza e sempre máis Galiza", replicou Pazos aludindo ás 52 transferencias conseguidas durante a Xunta de Manuel Fraga. 

Comentarios