A Cámara acorda que Feixoo compareza sobre a pandemia

O presidente terá que dar conta da vacinación
Reunión da Xunta de Portavoces, hoxe no Parlamento galego. (Foto: Arxina)
photo_camera Reunión da Xunta de Portavoces, hoxe no Parlamento galego. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, comparecerá a semana que vén no Parlamento galego para informar da situación da pandemia. Farao a consecuencia dunha petición do BNG, apoiada polo PSdeG e por acordo dos tres grupos na Xunta de Portavoces do Parlamento, reunida hoxe. Ademais da incidencia e da situación nos hospitais, Feixoo terá que dar conta da campaña de vacinación e das axudas da Xunta aos sectores máis afectados pola crise derivada do impacto da pandemia. Esta comparecencia substituirá a sesión de control no Parlamento. O pasado 11 de novembro produciuse outra comparecencia do presidente en substitución da sesión de control, daquela para informar da segunda onda.

Desde o BNG avanzaron que o control da expansión do virus, o plan de vacinación e as medidas para compensar os sectores máis afectados serán as súas prioridades no próximo pleno, o primeiro do ano. A viceportavoz do Bloque, Olalla Rodil, salientou que urxen "medidas contundentes para frear a expansión do virus, como vén reclamando a comunidade científica”.

Neste sentido, reiterou que se nos próximos días os datos non melloran, será "necesario un confinamento, como mínimo, de dúas semanas que evite a saturación dos hospitais pero tamén que garanta o éxito da campaña de vacinación”.

Rodil considera imprescindíbel acompañar as medidas de control do virus con axudas para apoiar os sectores económicos máis prexudicados polas restricións e cualificou de obrigado o reforzo dos servizos públicos, especialmente da Sanidade. De feito, o BNG presentará no pleno unha proposición para dotar de máis persoal e medios a Atención Primaria e hospitalaria.

En relación ao debate sobre o confinamento, o viceportavoz do PSdeG, Pablo Aragüena, reclamou “non xogar nin frivolizar cun tema extremadamente serio” e lembrou que o BNG “reclamou o confinamento hai tres meses, na segunda onda, e a situación mellorou despois”.

Con todo, subliñou que non se opón ao confinamento "se a situación o aconsella e o apoian os expertos”. Arangüena exixiu ao presidente da Xunta “que sexa responsábel e deixe de botar balóns fóra e de buscar culpas alleas” na xestión da pandemia.

"Non pode ser que nos últimos 10 días o presidente da Xunta se dedique a botar a culpa ao Goberno central, á cidadanía e mesmo a Portugal", cando el foi o máximo defensor de que non se parara a economía nas festas do Nadal. 

Comentarios