Calviño incorpórase á Universidade de Copenhague coa intención de manter o escano

O deputado de AGE ten previsto encetar o seu traballo na investigación na sexta feira 1 de novembro. Tampouco deixa a acta de concelleiro en Toén, obtida polo BNG.

anova
photo_camera Sueiro e Calviño nun acto en Ourense para presentar AGE.


O deputado de AGE David Fernández Calviño (Anova) incorporarase na sexta feira 1 de novembro ao seu novo posto de traballo como investigador na Universidade de Copenhague. Porén, e segundo informa Faro de Vigo, non renunciará ao seu escano no Parlamento galego namentres non se resolva a lea interna pola sucesión. Aliás, Calviño non dixo aínda que ten pensado facer coa acta de concelleiro no goberno local de Toén, obtida coas siglas do BNG nas eleccións municipais de 2011.

A número dous por Ourense, Carmen Iglesias Sueiro, é a primeira na listaxe, mais os acordos da coligación Anova-Esquerda Unida din que o relevo debe tomalo un ou unha deputada da mesma formación, polo que a listaxe debera correr un posto en favor de Iolanda Pérez Docampo, de Anova. 

O xornal vigués di que foi a dirección de AGE quen ordenou ao parlamentario que non renunciase á acta até que non fique garantido o equilibrio actual entre as forzas. Porén, xa agora Esquerda Unida ten cinco escanos e Anova ten catro. 

A proposta que Carmen Iglesias fixo foi ficar ela no escano durante dous anos e cederllo a Pérez Docampo no último da lexislatura. De momento, a única resposta que recibiu, segundo ela mesma explicou a Europa Press, foi o acordo adoptado o sábado no Consello político nacional para lle pedir que "reconsidere" o seu posicionamento. Sueiro di estar disposta a entrar no Parlamento, aínda que sexa como non adscrita, no suposto de que EU a expulse.

Comentarios