A militante de EU, disposta a entrar no Parlamento como non adscrita

O deputado de AGE afirma que o grupo parlamentar lle pediu que mantivese a súa acta até non resolver a disputa con Iglesias Sueiro. A militante de Esquerda Unida di que está disposta a entrar no Parlamento "como non adscrita".

Cartaz da campaña electoral [Imaxe: AGE]
photo_camera Cartaz da campaña electoral. Sueiro no centro [Imaxe: AGE]

"O que digo é que iso vai a misa e que non estou disposta a renunciar á acta de deputada". Nestes termos se pronunciou a militante de Esquerda Unida e número dous por Ourense en AGE, Carmen Iglesias Sueiro. A ourensá mantén firme a súa decisión e afirma que de se producir a renuncia de Fernández Calviño fará valer o seu dereito e entrará á Cámara mesmo "como non adscrita". 

Iglesias Sueiro disposta a entrar como non adscrita

A decisión de Iglesias Sueiro, que renuncia a deixar o escano en mans de Isabel Pérez Docampo (Anova), abre unha fenda na coligación ao desequilibrar a representación de cada unha das forzas políticas que integran AGE. Neste senso, Anova ficaría con 3 deputad@s (Chelo Martínez, Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez), pola contra, Esquerda Unida obtería máis unha representante que viría a se sumar @s cinco actuais, Yolanda Díaz, Manuel Fajardo, Xabier Ron, Ramón Vázquez, Eva Solla e Carmen Iglesias. 

Sueiro di que entrará no Hórreo, "iso vai a misa", dixo. Yolanda Díaz di que a expulsará de EU

No entanto, a coordenadora nacional de EU e vice-voceira de AGE, Yolanda Díaz, tentou sen demasiados froitos, desde a pasada segunda feira, facer entrar en razón a Sueiro. Até o punto de advertir que a dirección política faría "cumprir os estatutos" aprobados na última asemblea e polos cales o partido se faría coas actas d@s representantes díscol@s. Porén, o certo é que o sistema político vixente outorga un carácter nominal aos escanos e a titularidade do asento no Pazo do Hórreo correspondería igualmente a Iglesias Sueiro. 

Calviño baralla a hipótese de marchar a Dinamarca mesmo coa acta

De ser así, a de Ourense asegurou estar disposta a entrar na Cámara "como non adscrita" e "traballar pola esquerda e a causa", dixo en declaracións a Europa Press. Perante esta realidade, o grupo parlamentar pediu a Fernández Calviño que reteña a súa acta até solucionar o conflito algo ao que o de Toén accedeu.

Fernández Calviño é edil "non adscrito" en Toén após abandonar o BNG e quedar coa acta

"A orde que teño", sinalou o aínda deputado, "é que non deixe a acta", indicou á axencia de noticias David Fernández, ao tempo que indicou "non é desexábel" ter que marchar para Dinamarca "coa acta" pois "sería moi difícil", afirmou, combinar o seu traballo como deputado e a súa participación no grupo de investigación. 

O que si reiterou o representante de AGE é que aceptará o traballo como investigador na Universidade, pois "nen de brincadeira", dixo deixará pasar a oportunidade laboral en Dinamarca. No entanto, acrecentou, "non é unha decisión individual, senón colectiva". 

Calviño tamén continúa como edil no Concello de Toén, onde após abandonar o BNG, permaneceu coa acta e pasou ao grupo non adscrito. O de AGE aínda non aclarou se renunciará a este posto cando marche para Copenhage. 

Comentarios