Callón apela ao voto indeciso para ter unha voz galega que mude o goberno do Estado

O cabeza de lista pola Coruña asegura que aquelas persoas que aínda teñen dúbidas poden apostar pola Candidatura Galega sen “renunciar a ningunha das dúas, porque somos garantía de cambio e somos o equipo da casa”. Vídeo no interior

callon nós compostela


Nós-Candidatura Galega enfilou a recta final dunha intensa campaña cara o 20D chamando á mobilización das e dos votantes indecisos. O número 1 de Nós pola Coruña, Carlos Callón, apelou a aquelas persoas que aínda teñen dúbidas entre mudar o goberno do Estado ou optar por darlle voz a Galiza a apostar pola Candidatura Galega “sen renunciar a ningunha das dúas”.

"Somos garantía de cambio e somos o equipo da casa. NÓS nunca permitirá que a dereita -nin a vella, nin a nova- siga a impor as súas políticas de recortes de dereitos, de privatización de servizos, das políticas que nos empobrecen. E, ao mesmo tempo, somos a garantía de que este país vai ter voz soberana e firme en Madrid”, asegurou Callón ante decenas de persoas presentes no mitin que celebrou a formación en Compostela.

"NÓS nunca permitirá que a dereita siga a impor as súas políticas e somos a garantía de que este país vai ter voz soberana”

O cabeza de lista pola Coruña mostrouse convencido que hai miles de persoas en Galiza que non están dispostas a crer “a milonga de que a solución para o bipartidismo a dous do réxime é un bipartidismo a catro empaquetado desde os estudios de televisión”, e salientou nese sentido que o resto de formacións carecen de propostas para o país. “O programa de Podemos menciona dúas veces Galiza, e outros son incapaces de citar unha soa medida”, criticou en relación ás dúas forzas estatais emerxentes.

Por contra, Callón manifestou que “Nós ten un programa cheo de medidas para Galiza, para cada problema real do país”, entre os que destacou a crise do sector gandeiro, a protesta dos mariñeiros do cerco, as precarias pensións galegas ou a emigración xuvenil.

“Chámannos soñadoras por aspirar a defender esta terra coas nosas propias forzas, por atrevernos a imaxinar un país con traballo, dereitos e benestar, pois soñemos e demostremos o 20D que volveremos a dar voz soberana a Galiza como durante vinte anos fixo o BNG”, proclamou Callón. 

"Fronte a democracia televisiva, nós defendemos que Galiza exista" 

O cabeza de lista de Nós pola Coruña tamén participou esta pasada cuarta feira no espazo electoral de Televisión Española, onde compartiu as propostas da Candidatura Galega xunto a outras forzas soberanistas do Estado. 

Comentarios