Cales son os alcaldes e alcaldesas que máis cobraron na Galiza en 2021?

144 rexedores galegos incrementaron o seu salario o ano pasado.
Abel Caballero, Gonzalo Pérez Xácome e Miguel Anxo Fernández Lores. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Abel Caballero, Gonzalo Pérez Xácome e Miguel Anxo Fernández Lores. (Fotos: Europa Press)

Como cada ano, o Ministerio de Función Pública vén de expor á opinión pública os salarios que cobraron os rexedores municipais de todo o Estado español durante 2021. No caso da Galiza, o listado de soldos dos alcaldes e alcaldes deixa patente que case a metade incrementaron os seus ingresos o ano pasado, mentres que só 28 apostaron por reducir o seu salario.

Os datos, recollidos a partir do sistema Información Salarial Postos da Administración (ISPA), mostra que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o rexedor cun salario máis elevado en 2021, 71.639 euros -925 menos que o ano anterior, sendo un dos 28 alcaldes que si o reduciron-.

Porén, o seu homólogo de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, sería quen encabezaría realmente este listado, tal e como transcendeu en varios medios locais. Xácome, que non enviou ao Ministerio os datos do seu salario en 2021 -ao igual que outros 31 alcaldes e alcaldesas-, cobraría máis de 71.900 euros, sendo o alcalde galego máis remunerado.

Sexa como for, cos soldos publicados pola Administración, despois de Lores atópase Abel Caballero (Vigo), con 71.412 euros -637 máis que en 2020- e quen viña sendo nos últimos anos o rexedor cun salario máis elevado na Galiza. Séguenlles Inés Rei (A Coruña), con 69.217 euros; Lara Méndez (Lugo) con 68.796 euros; e Ángel García Seoane (Oleiros), 58.570 euros -unha suba salario con respecto ao ano anterior de 9.043 euros.

Outros datos

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, cobrou 52.454 euros en 2021. O listado nas sete cidades galegas péchao Ángel Mato, rexedor de Ferrol, que cobrou a cifra exacta de 40.000 euros. 

A maior suba de soldo correspondeu ao alcalde de Laracha, José Manuel López Varela (PP), quen pasou de non contar cunha declaración exclusiva a recibir unha remuneración anual de 52.500 euros, o que o situou entre os 20 rexedores e rexedoras máis pagados da Galiza.

En canto aos que menos cobran, destaca Luciano Sobral (BNG), alcalde de Poio, quen anunciou o pasado mes de outubro que non se presentará á reelección nos comicios municipais de maio de 2023 após 27 anos de mandato. Sobral renunciou ao seu salario como alcalde após xubilarse hai dous anos, e desde entón só percibe a remuneración correspondente por ser pensionista.

Salarios nas Deputacións

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi a mellor pagada en 2021, con 77.621 euros. Séguelle Valentín González Formoso, presidente da Deputación de Pontevedra, cunha remuneración de 72.953 euros. Aliás, Formoso non percibe ningún tipo de salario por ser o rexedor das Pontes. Pechan a lista Manuel Baltar (Ourense), con 72.325 euros, e José Tomé (Lugo), con 68.914 euros.

Comentarios