Cambio de tendencia, aumenta a participación nas primeiras horas da tarde

[ACTUALIZACIÓN 18:30H] Nas primeiras horas da tarde acudiron ás urnas o 50,94% do eleitorado do país segundo os dados fornecidos polo Ministerio do Interior. Aumenta a respeito do 2011, mais levemente. 

Colexio eleitoral Vigo. Municipais 2015
photo_camera Imaxe dun colexio electoral en Vigo [Imaxe SG]

Das cidades galegas só A Coruña e Ferrol rexistran un incremento da participación. Neste senso, o 45,37% do eleitorado herculino xa acudiu á urna mentres que a estas horas hai 4 anos fixérao o 44,65%. Na cidade departamental o 45,83% das persoas con dereito a voto xa exerceron o seu dereito, mentres que no 2011 o fixera o 44,73%. 

En Compostela aumenta unha centésima sendo que no 2011 o 45,80% e nesta ocasión o 45,80%.

Pola contra, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra manteñen a tendencia da mañá cunha participación inferior porcentualmente á dos comicios anteriores. Respectivamente, rexistran o 45,27%, 45,27%, 46,34% e o 46,34%. 

Salienta, por provincias o incremento da participación no interior (Ourense e Lugo) onde aumentou de maneira significativa superando os índices de 2011. En troca, A Coruña e Pontevedra sitúanse por baixo das porcentaxes recollidas hai 4 anos. 

Primeiras horas da mañá

Por volta das 14.00 horas exerceu o seu dereito a voto o 34,69% do electorado galego. Así o sinala o Ministerio do Interior no primeiro avanzo da xornada. Unhas décimas menos que nos comicios anteriores de 2011 onde a esta hora votara o 34,89%

Porén, nas principais cidades do país os dados varían. Na Coruña rexistrouse un incremento da participación ao longo da mañá co 31,23% fronte ao 30,43% de 2011. En troca, a queda de votantes nestas primeiras horas rexistrada na cidade de Lugo evidencia que un sector do eleitorado podería ter optado por quedar na casa como resposta. Así, só o 20,94% das persoas con dereito a voto acudiu pola mañá ás urnas. Catro puntos por baixo de 2011 (33,34%). 

En Ferrol, só varía nunhas décimas en relación aos anteriores comicios municipais manténdose en algo menos do 30%. Tamén na capital de Galiza, en Compostela, a variación é mínima pasando do 30,60% ao 30,18%. 

Na cidade da Coruña sube algo menos dun punto a porcentaxe de votantes mentres que en Lugo cae a perto do 21%

Pola súa banda, o comportamento eleitoral en Vigo, Pontevedra e Ourense reflicte a tendencia xeral cunha feble caída da participación pouco superior ao 32%. 

Por provincias a tendencia é á baixa tamén. Neste senso, en Ourense depositou a súa papeleta o 37,10% fronte ao 39,17% que o fixera destas horas hai catro anos. En Lugo o 33,73% do eleitorado acudiu xa ao colexio electoral mentres que en 2011 os dados de participación foran do 36,05%. Na Coruña e Pontevedra o 31,94% e o 33,40% das persoas con dereito a voto xa emitiron o seu fronte ao 33,15% e o 35,03%, respectivamente, hai 4 anos. 

A nivel estatal os dados son semellantes. Desta maneira o primeiro avanzo de participación fixa no 34,50% o eleitorado que xa votou fronte ao 35,81% do 2011. Segundo o Ministerio do Interior, os territorios onde aumentou a participación durante as primeiras horas de votación son Madrid, Euskadi, Nafarroa e Catalunya. 

Comentarios