Claudia Ribera, integrante de Vía Galega

“Cada vez teño máis amigas e compañeiras que perciben a emigración como un futuro próximo”

Claudia Ribera é estudante de Educación Social no campus de Ourense e integrante da plataforma ‘Vía Galega’. Conversa con Sermos Galiza sobre a última campaña do colectivo, ‘Non emigramos, expúlsanos’, que este sábado sairá á rúa en máis de 40 municipios da Galiza. A campaña pon o foco nas orixes da emigración: a precariedade, os traballos temporais ou a falta de expectativas laborais.
Claudia Ribera, primeira á esquerda, nun acto de Vía Galega en Ourense (Imaxe: Vía Galega)
photo_camera Claudia Ribera, primeira á esquerda, nun acto de Vía Galega en Ourense (Imaxe: Vía Galega)

Cal é o detonante da campaña ‘Non emigramos, expúlsannos’?

Tras anos de análises da situación galega arredor da emigración, sobre todo no que respecta ao contexto da mocidade. A miña xeración carece de expectativas de futuro. As opcións que temos limítanse á procura de empregos precarios que compaxinamos cos estudos ou con traballos precarios fóra da Galiza. Na última década máis de 200.000 persoas emigraron, entre elas 80.000 mozas e mozos. Por iso decidimos poñer en marcha unha campaña potente para este ano que conciencie a sociedade desta situación.

Neste contexto, cales foron as solucións propostas desde a Xunta e como as valorades?

A Xunta, lonxe de intentar paliar este problema fomentouno. É a principal causante de que teñamos un alto índice de desemprego xuvenil (26,2% de desemprego en menores de 20 anos e de 25% entre os 20 e os 25 anos no terceiro trimestre de 2019). O Goberno galego acata as políticas que dita Madrid, sen facer unha análise da realidade propia. A Xunta fomentou a actual crise industrial, cun desmantelamento dos seus postos de traballo. O turismo crea postos de emprego temporais e, a maiores, contribúe a masificación de áreas como a de Compostela.

A Xunta, lonxe de intentar paliar este problema fomentouno, afirma Ribera

Como impacta a alza do prezo dos alugueres á mocidade?

En Compostela percíbese especialmente o problema dos alugueres, porque é a cidade onde se concentra máis alumnado universitario, pero estase estendendo a outras cidades. Os pisos máis baratos están situados nas aforas da cidade, mentres que os do centro presentan contratos trampa ou unhas condicións pésimas. Nesa alza o turismo tamén ten que ver.

Percibides un fomento da emigración nas persoas novas, do mesmo xeito que antes se animaba ás do rural a marcha á cidade?

Véndennos a emigración como unha solución aos problemas da poboación, pero nunca se analiza cales son eses problemas e os seus porque. Semella que emigramos para ver mundo, aprender idiomas, coñecer outras culturas e ampliar a nosa perspectiva. Transmítese unha mensaxe de emprendemento, de acceso a unha mellor calidade de vida. Eu cada vez teño máis amigas e compañeiras que perciben a emigración como un futuro próximo, antes que a procura de traballo aquí. Elas mesmas mentalízanse de que formarán o seu proxecto de vida fóra. E os medios de comunicación xogan un papel moi importante na comunicación deste discurso.

Véndennos a emigración como unha solución aos problemas da poboación, afirma Ribera

Como se informa da emigración?

Eu sempre poño o exemplo de programas estatais como ‘Españoles por el mundo’ ou ‘Callejeros viajeros’, que amosan exemplos de emigrantes de éxito que son minoritarios. Distorsionan a realidade. Non son casos que imperen nas persoas emigrantes. Hai moitas persoas novas que seguen emigrando para traballar como au pair no estranxeiro, sen contrato, con malas condicións laborais.

Que accións levastes a cabo nesta campaña?

Organizamos charlas nas que se comparten perspectivas de diferentes puntos de vista: da xente nova, desde unha análise histórica dos procesos migratoiros ou de emigrantes que retornaron á Galiza. Algunhas tiveron moi boa acollida, coa participación de moita xente moza. Ademais presentáronse mocións nos concellos para que recoñecesen a problemática da emigración. E este sábado haberá concentracións en 46 municipios galegos. En Vía Galega participan 60 colectivos, que fixeron unha campaña intensa para animar a participar. O fin é poñer esta problemática no mapa mental da xente.

Cal foi a valoración que fixo a persoa retornada a Galiza?

Na charla de Ourense o poñente falou desde o persoal. Contounos o contexto do que viña, a Arxentina, que conta con numerosas asociacións galegas, e explicounos que a súa volta sentiuse espido, sen axudas por parte da Xunta.

Comentarios