O cabeza de lista de C's pola Coruña di non ter aínda propostas para Galiza

O candidato Antonio Rodríguez Vázquez asegura que “agora o que toca é unha proposta nacional común”, durante unha entrevista para o programa Vía V. 

Antonio Rodríguez Vázquez, número 1 de Ciudadanos pola Coruña (Imaxe: RTVG)
photo_camera Antonio Rodríguez Vázquez (Imaxe: RTVG)


Ciudadanos non ten propostas concretas para Galiza. Así o recoñeceu o seu cabeza de lista pola Coruña, Antonio Rodríguez Vázquez, durante unha entrevista para o programa Vía V. Preguntado polas medidas da formación laranxa para o país, Rodríguez Vázquez asegurou que “as propostas para Galicia as imos facer a partir do 20 de decembro”. 

O número 1 na Coruña dixo que “como noutras comunidades, como Andalucía ou Madrid, presentarán propostas concretas para as singularidades de Galicia pero, en todo caso, agora mesmo o que toca é unha proposta nacional común”, manifestou Rodríguez Vázquez, que segundo a enquisa do CIS conseguiría acta de deputado pola provincia galega.

“Non haberá carteis propios dos candidatos, só de Albert Rivera”

Repreguntado pola directora do programa, Fernanda Tabarés, o cabeza de lista de C's sinalou como fundamental “o tema do transporte e infraestruturas de comunicación”, que choca coas liñas do programa defendidas pola súa formación desde Madrid.

Tamén avanzou que na propaganda electoral de Ciudadanos estará só a imaxe do líder do partido Albert Rivera. “Non haberá carteis propios dos candidatos”, manifestou Rodríguez, que explicou que se trata dunha “decisión de campaña porque temos o líder político de España e temos que sacar partido da súa imaxe”. 

Comentarios