Caballero urxe a Xunta a empregar os tests da COVID-19 do Goberno estatal

Fronte as dúbidas sementadas o pasado domingo polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, cuestionando a validez das probas, o dirixente socialista reclama que "cada día que pasa sen empregalas é un día perdido".
Gonzalo Caballero (PSdeG).
photo_camera Gonzalo Caballero (PSdeG).

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, ofreceu onte unha rolda de prensa telemática na que arrancou reclamando ao presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feixoo, a súa comparecencia na Deputación Permanente do Parlamento e na reunión con todos os partidos da oposición que se comprometera a manter semanalmente.

"Onte fallou no seu compromiso", lembrou Caballero en referencia ao domingo, cando Núñez Feixoo fixo declaracións aos medios obviando a súa cita cos partidos.

Caballero cargou contra o discurso do líder do Executivo galego nesa xornada, que amosou unha liña moi crítica coa xestión do Goberno estatal. "Foi unha rolda inoportuna e inadecuada, na que achegou motivos para xerar máis dúbidas e non deu as contas que o presidente da Xunta debe dar", afirmou o socialista.

Non deu as contas que o presidente da Xunta debe dar, recriminou Gonzalo Caballero

As palabras de Caballero apuntan concretamente ás probas rápidas da COVID-19 remitidas a Galiza polo Executivo estatal, e cuxa efectividade puxo en dúbida o presidente do Goberno galego o domingo, e mais a Xunta a través de dúas notas de prensa. Nelas destácase que as probas achegadas carecen de "utilidade clínica", tratándose de probas de apoio que poden detectar se unha persoa estivo en contacto co virus mais que precisan doutra proba complementaria. Porén, o propio Núñez Feixoo adiantara o pasado 5 de abril a natureza destas probas que agora cuestiona e que Gonzalo Caballero insta a aplicar na cidadanía.

"O Goberno estatal achegou máis de 110.000 probas de diagnóstico rápido, un instrumento que a Xunta ten que empregar para diagnosticar a presenza de anticorpos", urxiu o líder do PSdeG, engadindo que "cada día que pasa sen empregalos é un día perdido".

Non é axeitado presentar dúbidas sen aclaralas de forma solvente, afirmou

"Hai unha autoridade sanitaria no conxunto do Estado que marca as pautas", advertiu Gonzalo Caballero, "non é axeitado que se presenten dúbidas sen aclarar de forma solvente o que se está trasladando".

O dirixente das socialistas lembrou ao presidente do Goberno galego que o conxunto de forzas da oposición comprende que o contexto actual é "excepcional". "Posibilitamos que funcione un Goberno na Galiza cando non hai Parlamento, o nivel de colaboración e corresponsabilidade está sendo moi alto, polo que queremos pedir que abandone o discurso de confrontación", afirmou. E lanzou outra mensaxe a Núñez Feixoo: "Non pode comparecer para poñer deberes ao Goberno do Estado sen dar conta do que lle preocupa aos galegos e ás galegas e que é a súa responsabilidade". 

Comentarios