Eleccións galegas

Caballero sitúa o reto da esquerda en "acadar un mandato progresista"

Ana Pontón non dubida de que haberá un "Goberno alternativo" se o PP non logra unha nova maioría absoluta na vindeira cita electoral.
O líder das socialistas galegas, Gonzalo Caballero (Nós Diario).
photo_camera O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, no Parlamento (Nós Diario).

"Todos os progresistas sabemos que Galiza necesita un cambio", salientou esta segunda feira o líder da oposición galega, o socialista Gonzalo Caballero, que deu case por asegurada a materialización dese cambio político e apuntou a un reto maior: un mandato progresista no país que supere a próxima lexislatura.

"O reto será non só que haxa un Goberno progresista na Xunta da Galiza, liderado polo PSdeG  e entendendo que todos os progresistas somos aliados nese reto, senón facer un Goberno de progreso durante catro anos que permita solucionar os problemas da Galiza e acadar un mandato progresista que vaia máis alá dunha lexislatura".

Así o expresou Caballero, quen insistiu en que "todas as forzas progresistas" son "aliadas" e están a "remar" desde os seus "eidos" con "toda a forza para que en 2020 poida producirse un cambio cunha maioría progresista moi forte no vindeiro Parlamento galego".

Caballero considerou que "o PSdeG ten a responsabilidade de encauzar esa maioría social de progreso" e trasladou o seu desexo de que ese cambio chegue con "forza", con "credibilidade" e cun "proxecto compartido por todos os progresistas".

Así mesmo, Caballero sinalou que os socialistas comparten "a impresión" de que, na actividade parlamentaria, todas as forzas de esquerdas traballan "na defensa de aquilo que máis preocupa á cidadanía de forma coherente, cada un desde o seu eido".

"Imos seguir trasladando esa nova Galiza progresista o Parlamento sen ter que cambiar o que está funcionando adecuadamente, abertos sempre a entender que todas as forzas progresistas somos aliadas no cambio político", salientou.  

Porén, Caballero non concretou de que maneira artellar o traballo na mesma dirección dos partidos á esquerda do PP. "Non pechamos fórmulas de cooperación co conxunto das forzas progresistas. Temos a convicción de que as cousas estanse facendo ben por parte do PSdeG e de todas as forzas progresistas, cada unha mantendo o seu ámbito de acción, pero entendendo que aquilo que é nuclear é compartido e será compartido", explicou.

Neste sentido, presentou os socialistas como un partido con "garantía de cambio, responsábel e con capacidade de goberno" e indicou que buscará ampliar o seu abano de votantes nas vindeiras eleccións.

"Goberno alternativo"

"Ninguén neste país dubida de que, se unha vez se convoquen as eleccións o PP perde, vai haber un Goberno alternativo", aseverou esta segunda feira a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón. "A chave é que Goberno e en que dirección vai traballar. O que ofrecemos desde o BNG é un proxecto sólido, con ideas para modernizar Galiza, para defender os intereses deste país", engadiu.

Este 2020 toca abrir "un tempo novo que signifique deixar atrás Presidencias da Xunta en mans de forzas estatais", segundo trasladou Pontón, que asegurou ter a "man tendida" ao resto das forzas.

Nesta liña xa se manifestara o líder de Anova, Antón Sánchez, quen afirmou que, a pesar das "diferenzas", a xente "ten que saber que somos capaces de poñernos de acordo para facer fronte ao mal maior". O que para o líder de En Marea, Luís Villares, é unha "alternativa plural e cooperativa". "Temos que declarar que vai haber pactos para que ninguén impida despois un acordo plural", dixo.

Comentarios