Cara ás municipais

Caballero sinala a Feixoo coma cómplice da “viraxe á ultradereita”

Após a perda da hexemonía do PP no 28A e de que o presidente da Xunta solicitase abrir o partido, desde o PSdeG sinalan a Feixoo como un dos responsábeis da viraxe cara á ultradereita.

psdeg
photo_camera Executiva do PSdeG avaliando os resultados das eleccións xerais do 28A

Gonzalo Caballero sinalou a Alberto Núñez Feixoo como un dos responsábeis do “xiro cara a ultradereita que deu o Partido Popular” e asegurou que o presidente da Xunta errou cando “se botou en brazos do PP de Casado”.

En declaracións aos medios após a executiva do PSdeG para a valoración dos resultados das eleccións xerais, Gonzalo Caballero lembrou que Feixoo “en ningún memento” se desmarcou da liña política de Pablo Casado.

Caballero sinalou que Feixoo tampouco protestou ante os acordos do PP con Vox

Da mesma maneira, Caballero sinalou que Feixoo tampouco protestou ante os acordos do PP con Vox en Andalucía e considerou que o presidente galego errou ao pensar que as galegas e galegos avalarían a ultradereita.

Na xuntanza da executiva do PSdeG tamén avaliarion moi positivamente o feito de por primeira vez ter superado o PP en Galiza e resultar a forza máis votada.

Desde o PSdeG avanzaron que teñen o obxectivo marcado en conseguir o maior número posíbel de maiorías

En canto ás eleccións municipais, desde o PSdeG avanzaron que teñen o obxectivo marcado en conseguir o maior número posíbel de maiorías, manterse onde actualmente gobernan e “avanzar alí onde actualmente non gobernamos”, afirmou Caballero.

Desta maneira, o secretario xeral puxo en valor o seu partido e salientouno como "a mellor opción de goberno para os concellos de Galiza". Cualificou o o PSdeG como formación de esquerdas que sabe gobernar e sinalou como característica propia da organización “ter capacidade de atender os problemas e as necesidades da cidadanía”.

Caballero avanzou que xa teñen no punto de mira o final da lexislatura galega

Os resultados do pasado domingo son para Caballero un punto de partida “para conseguir cambiar a Galiza” no sentido de que “o reclamo de progreso que pediron as electoras e electores poida chegar tamén aquí”.

Avanzou ademais que xa teñen no punto de mira o final da lexislatura galega, na que apostan por ofrecer unha alternativa distinta ao Partido Popular.

Caballero afirma que o PSOE ten toda a lexitimidade para formar goberno no Estado

Após a executiva do PSdeG, e en relación a preguntas dos medios por como valoraría as posíbeis coalicións de goberno no Estado, Caballero afirmou que o PSOE “está totalmente lexitimado para formar un goberno socialista e de esquerdas" e asegurou que marcarán a mellor folla de ruta para "traballar polo interese do conxunto da cidadanía".

Comentarios