Caballero reta Feixoo a separarse da liña de Ayuso e a actuar ante o virus

O PSdeG critica a falta de axudas directas ao sector da hostalaría
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG (Foto: Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG (Foto: Europa Press)

O secretario  xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou esta segunda feira, 2 de novembro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a abandonar a súa estratexia de "pegarse" á súa homóloga na Comunidade de Madrid, a tamén popular Isabel Díaz Ayuso, e pediulle que tome "as medidas necesarias" para facer fronte á segunda onda da pandemia do cornavirus.

En rolda de prensa, Caballero asegurou que todas as accións para loitar contra o contaxio contarán co apoio do seu partido pero criticou que Ayuso e Feixoo quedasen "ao final da fileira" e fosen "os últimos en estabelecer medidas" para esta fin de semana en que se celebraba o día de Defuntos.

"Sempre imos ter a man tendida, pero hai cuestións que parecen  inconsistentes", manifestou Caballero en referencia á negativa da Xunta a blindar Galiza e en relación ao fechamento das sete cidades ordenado con só "dúas horas de antelación" -acusando de improvisación o Executivo de Feixoo-. 

Nese contexto, o líder do Partido Socialista reclamou ao Goberno galego que apoie os sectores produtivos e a hostalaría. "Ao longo desta pandemia, moitas outras comunidades deron axudas directas e o que a Xunta fixo é pór parches de última hora sen dar apoio á hostalaría", dixo. 

Ao igual que o BNG, Caballero tamén pediu a comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento "para que informe a todos os cidadáns da situación de pandemia".

Tamén censurou que Feixoo non se puxese en contacto cos líderes da oposición para abordar esta cuestión.

Así mesmo, o líder dos socialistas cargou contra a "política de ocultación" de datos do Executivo galego e censurou que continúe sen dar a cifra co número de rastrexadores que opera no país. 

Comentarios