domingo 19/09/21

Caballero: "Quero sumar con todos os progresistas"

O secretario xeral do PSdeG xunto a Xoaquín Fernández Leiceaga, Marina Ortega, Ana Prieto e Nicolas González (PSdeG).
O secretario xeral do PSdeG xunto a Xoaquín Fernández Leiceaga, Marina Ortega, Ana Prieto e Nicolas González (PSdeG).

"Aos únicos que eu quero derrotar é aos do PP de Feixóo", asegurou este sábado o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero na súa intervención da reunión da interparlamentaria do seu partido que mantivo un encontro de traballo en Compostela coincidido co inicio do curso.

O lider socialista apelou a todas e todos os socialistas galegos a traballar "xuntos" por unha Galiza "mellor" e deixando claro que el quere "sumar con todos os progresistas e as progresistas".

Caballero subliñou que "todos os socialistas unidos" son "imparables" para liderar a reactivación, para traballar polas persoas e para loitar polos servizos públicos. "Entendemos con claridade que a cidadanía quere que nos centremos nese proxecto de país que é tan necesario e que entendamos que o substancial que nos une é a clave de construír unha Galiza mellor", asegurou.

Segundo Caballero "só hai unha forma, converxer na Galiza; e só hai un camiño, facelo xuntos coa cidadanía, coas galegas e galegos", afirmou para subliñar que o PSdeG é "unha forza ao servizo da cidadanía" que "avanzou ao longo dos últimos anos en todas as convocatorias electorais".

Así mesmo, sostivo que o Partido Socialista da Galiza "ten a forza para facer fronte aos próximos retos electorais", en referencia ás eleccións xerais e municipais que terán lugar en 2023."

"É por iso que todo o partido xunto está preparado para defender os intereses dos galegos" defendendo " un modelo de progreso e a carón de cada un dos concellos da Galiza nos que temos alcaldías", argumentou.

Alonxar protagonismos

No discurso na semana na que a dirección do PSdeG conseguiu fechar candidaturas de consenso para o Congreso Federal, Gonzalo Caballero asegurou que as e os socialistas non están para "pór o foco" en si mesmos.

"En política non estamos para pór o foco en nós mesmos, senón na cidadanía e en darlle solucións. Non estamos para servirnos da política, senón para facer a mellor política que sirva á xente, especialmente á cidadanía máis vulnerable", afirmou.

comentarios