sábado 04.04.2020
5-A

Caballero (PSOE): Vox "vai salvar o soldado Feixoo"

"Queremos combater a dereita e a ultradereita e abrir unha etapa de progreso liderada polo PSdeG que estea ao servizo dos galegos", manifestou o líder dos socialistas na Galiza, ao respecto das vindeiras eleccións ao Parlamento.

Gonzalo Caballero, este sábado fronte a sede do PSOE en Madrid (Europa Press)
Gonzalo Caballero, este sábado fronte a sede do PSOE en Madrid (Europa Press)

O secretario xeral do PSOE na Galiza, Gonzalo Caballero, resaltou que Vox "xa apareceu" na precampaña das eleccións galegas "para dicir que vai salvar o soldado Feixoo", en referencia ás declaracións do partido de Santiago Abascal nas que se marcaban como obxectivo ser determinantes na formación do Goberno en Galiza tras os comicios do 5 de abril.

Caballero ofreceu estas declaracións antes de participar no Comité Federal do PSOE que se desenvolveu en Madrid na mañá deste sábado, ao tempo que Alberto Núñez Feixoo se proclamaba oficialmente en Vigo candidato á Presidencia da Xunta.

Segundo Caballero, Feixoo elixiu a Galiza "urbana" para presentar a súa candidatura "porque despois de 11 anos de desprezo e abandono ás cidades quere usar o escenario urbano como trampolín para alcanzar un rédito electoral do que está distante".

Ao "rexeitamento frontal" que, di, ten a Galiza urbana o PP "onde non gaña as eleccións", o candidato socialista sumou "o desgaste" de Núñez Feixoo no medio rural, o que levou a Caballero a proclamar que "de haber participación" na cita do 5 de abril "o vento de cambio será imparábel".

"Queremos combater a dereita e a ultradereita e abrir unha etapa de progreso liderada polo PSdeG que estea ao servizo dos galegos", manifestou o líder dos socialistas na Galiza.

Cara a cara electoral

Ademais, Gonzalo Caballero acusou o candidato Feixoo de estar "agochado detrás da publicidade institucional da Xunta". Neste sentido, expresou as súas dúbidas de que Feixoo "teña a valentía para enfrontarse nun cara a cara" nun debate, oferta que foi lanzada polo aspirante socialista e que provocou as críticas da líder do BNG, Ana Pontón. "Creo que mal empezamos a campaña querendo limitar o pluralismo político nos debates", dixo Pontón na pasada sexta feira.

comentarios