O PSdeG propón un "grande acordo" para afrontar a terceira vaga

Caballero critica a política de "brazos caídos" da Xunta.
Gonzalo Caballero, en rolda de prensa (Foto: Europa Press).
photo_camera Gonzalo Caballero, en rolda de prensa (Foto: Europa Press).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou este sábado a artellar un "grande acordo" para facer fronte á terceira vaga da pandemia.

O socialista criticou a política de "brazos caídos" da Xunta após a "repunta de contaxios como consecuencia da estratexia de 'salvar o Nadal'".

Así mesmo, Caballero lamentou que o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, só levase ao encontro con Pedro Sánchez "un falso debate sobre o estado de alarma que o PP nin sequera apoiou no Congreso".

Por outra banda, criticou que o BNG leve "desde outubro" solicitando un "confinamento absoluto" malia que na segunda vaga "foise controlando co estado de alarma".

Para o PSdeG, é preciso alcanzar "un gran acordo para fortalecer a atención sanitaria ás afectadas, axilizar a vacinación e desenvolver un programa económico que axude aos pequenos negocios e as empresas en dificultades".

A respecto da campaña de vacinación, asegurou que Galiza recibiu "todas" as doses para as residencias e o persoal sanitario de primeira liña.

Caballero rexeita a "deslealdade" dun Núñez Feixoo que "busca a confrontación" co Goberno estatal.

Comentarios