Reaccións

Caballero, “preparado” para as galegas

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reaxiu perante os resultados das estatais salientando “a maioría de progreso” liderada polo PSOE. Puxo a Xunta no albo das súas palabras e prognosticou “a fin de ciclo de Feixoo”.

Gonzalo Caballero (Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero (Europa Press)

“Empate co PP en número de votos, en deputados e en porcentaxe de votos, cunha diferenza de 0,78 puntos”. Así se pronunciaba Gonzalo Caballero cando estaba a piques de concluír o escrutinio de votos das eleccións estatais.

O dirixente do PSdeG puxo de manifesto que Feixoo recibiu “un xerro de auga fría”, pois “as dereitas na Galiza teñen o mesmo nivel de apoio que en abril, un 44%, fronte a unha maioría ampla de voto progresista liderada polo PSdeG, que supera o 50% dos votos”.

Caballero salientou que Feixoo “fica illado fronte a unha nova maioría social de esquerdas e progresista” e sinalou que “hai unha nova Galiza que emerxe con forza”.

O líder do PSdeG lembrou que o partido tiña en xaneiro 6 deputados por Galiza e que o 28 de abril logrou “un resultado histórico” que converteu PSdeG en “primeira forza”. “Subimos a dez deputados en abril”, lembrou, a mesma cifra que nesta cita electoral. “O PSdeG está nunha situación de impulso para liderar o futuro da Galiza”, concluíu.

Comentarios