Caballero pide á Xunta reforzar o rastrexo tras a relaxación de medidas

O secretario xeral do PSdeG criticou que a Administración galega persista no seu "oscurantismo" e que non aclare "as decisións que se adoptan". Desde maio, nin Núñez Feixoo nin o conselleiro de Sanidade, García Comesaña, detallaron como funciona o rastrexo na Galiza.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa o 16 de novembro de 2020 (Imaxe: Europa Press).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa o 16 de novembro de 2020 (Imaxe: Europa Press).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, insta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a reforzar o sistema de rastrexo dos contaxios para garantir a seguridade na desescalada nas restricións que inicia Galiza esta fin de semana. Por outra banda, o líder socialista celebrou que o “PP rectificase” procedendo a blindar Galiza de cara á ponte.

En rolda de prensa ofrecida este sábado, o dirixente socialista valorou que a flexibilización das medidas adoptadas para facer fronte á Covid-19 en distintos concellos debe desenvolverse “con cautela”. Caballero considerou que “á vez que se fai o proceso de desescalada en sectores como a hostalaría” cómpre “fortalecer a loita” contra o virus cun sistema de rastrexo “máis eficiente que nunca”.

Nin o presidente da Xunta nin o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, detallaron até o de hoxe como funciona o sistema de rastrexo nin cantos rastrexadores traballan no Centro de Seguimento de Contactos.

No verán Núñez Feixoo cifrou en máis de 6.000 as persoas facendo seguimento, para despois reducilas a 700. Unha cifra que engloba rastrexadores, tamén aos militares, e a outros profesionais do Servizo Galego de Saúde.

Nesa liña Caballero, que interveu acompañado polo deputado no Congreso Guillermo Meijón, lamentou que a Administración galega siga ancorada no “oscurantismo” e que o líder do Executivo galego non explique “as decisións que se adoptan”.

Cuestionado polas críticas de rexedores e rexedoras locais pola falta de información do virus nos municipios, Caballero criticou que se “ocultasen”. “Houbo moitas carencias ao longo destes meses. Feixoo chegou a dicir que sería perigosísimo dar aos concellos esa información”, agregou, apoiando a necesidade de “protocolos claros” e “iguais” para todos os municipios.

Comentarios