Caballero acusa Feixo de "facer caixa" cos cartos da Risga que "aforra" pola axuda estatal

O Ingreso Mínimo Vital (IMV) estabelecido polo Goberno español é incompatíbel con recibir a renda de inclusión social galega e, en consecuencia, hai cartos que xa non se están a investir.
Gonzalo Caballero co ministro de Inclusión, José Luis Escrivá. (Foto: PSdeG) #psdeg #gonzalocaballero #risga #xunta #psoe #seguridadesocial#inclusión #joséluisescrivá
photo_camera Gonzalo Caballero co ministro de Inclusión, José Luis Escrivá. (Foto: PSdeG)

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou nesta sexta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de "facer caixa" con aquelas partidas da Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga) que agora fican sen repartir ao cubrírense coa prestación estatal do Ingreso Mínimo Vital (IMV).

Por iso, chamou a destinar a política social as partidas da Risga que non se repartan. Así se manifestou hoxe, após un encontro co ministro ro de Inclusión, José Luis Escrivá.

En opinión do socialista, o que debe facer a Xunta é “reinventar as partidas” de forma que cheguen igualmente “ás persoas máis desfavorecidas e vulnerábeis”.

Dado que cobrar a Risga é incompatíbel con ingresas o IMV, propuxo impulsar cos cartos “programas complementarios para evitar a pobreza e a desigualdade e para protexer ás familias”.

O que non quere é que “faga caixa” co que deberían ser investimentos na poboación.

Respecto á distribución destas axudas, Caballero resaltou que hai 15.200 receptores do fondo español malia levar só un ano en marcha fronte aos 13.600 da Risga “a pesar de levar décadas en funcionamento”.

Críticas á xestión económica

Dáse a circunstancia de que esta mesma semana o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén acusou a Xunta de gañar "diñeiro coa pandemia". Neste caso aludiu ás subvencións que chegan do Estado para os sectores máis castigados pola crise sanitaria.

Segundo o rexedor socialista, ademais de non destinar fondos das arcas galegas, “tampouco” está a investir “todo o diñeiro transferido polo Goberno" español.

Comentarios