Caballero pide pór en marcha un plan de axudas para o sector da hostalaría

O PSdeG demanda da Xunta un plan para a hostalaría, con liquidez e axudas directas, para evitar feches de negocios e despedimentos.
O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)

Ante os efectos da crise sanitaria causada pola pandemia do coronavirus sobre a economía e, en concreto, sobre a hostalaría, o PSdeG pediu á Xunta da Galiza a elaboración e posta en marcha dun plan de acompañamento ao sector hostaleiro que inclúa liquidez e axudas directas, co obxectivo de evitar o feche de negocios e para apoiar o mantemento dos postos de traballo. 

Así o solicitou esta quinta feira, 23 de abril, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa en que aproveitou para instar á a Xunta a "complementar" as medidas postas en marcha polo Goberno do Estado español, o cal, subliñou, "xa dispuxo axudas para as pequenas e medianas empresas, as e os traballadores e autónomos". 

“Sectores como o da hostalería vense especialmente afectados pola crise da CIVID-19 porque a súa actividade está paralizada e porque son conscientes de que no futuro será distinta”, reflexionou o líder do Partido Socialista, ao tempo que apuntou que na Galiza hai milleiros de familias que viven e dependen deste sector. 

“Hai que acompañar a hostalería galega nesta travesía de dificultade”, remarcou Gonzalo Caballero, consciente de que a Xunta “ten orzamentos e ten competencias” para pór en marcha ese plan e as axudas.

Facilitar obras para a desescalada

O líder do PSdeG tamén solicitou ao Goberno de Alberto Núñez Feixoo que habilite fondos e mecanismos para que os estabelecementos poidan afrontar "as obras necesarias para adecuarse ás novas medidas" que se dispoñan nas distintas fases da desescalada do isolamento social.

Nese sentido, Gonzalo Caballero asegurou que a Xunta da Galiza terá “a colaboración do Partido Socialista” para deseñar as medidas oportunas encamiñadas a “traballar en defensa dun sector tan importante para milleiros de galegas e galegos” como é o da hostalaría, concluíu.

Comentarios