Caballero pide ao PP o apoio dun edil en Ourense para que se poida debater a moción de censura

A petición no pleno do Concello de Ourense dun debate de moción de censura deben secundala 14 edís. O PSdeG conta con nove, de modo que se podería realizar co apoio dos dous do BNG, o de  Cs e un do PP.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (Foto: Europa Press)

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a "dar unha solución" a Ourense permitindo que un concelleiro do PP "firme o debate da moción de censura". Para que no pleno municipal se poida dar o debate da moción contra o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (DO), a petición deben secundala 14 edís e o PSdeG conta con nove, de modo que se podería realizar co apoio dos dous do BNG, o de  Cs e un do PP.

A pasada semana a executiva galega do PSdeG derivou á dirección federal do PSOE, é dicir, a Madrid, a consulta sobre unha moción de censura co PP a Jácome, alcalde de Ourense grazas ao pacto que DO subscribe cos populares e que explotou no verán.

Foi xa en setembro, cando o BNG, ante o desgoberno, chamou a presentar a moción de censura.

A reunión realizada o pasado 13 de outubro entre os grupos municipais do PP, PSOE, Ciudadanos e os concelleiros non adscritos escindidos de Democracia Ourensá abriu a porta ao relevo de Gonzalo Pérez Jácome ao fronte da alcaldía de Ourense.

A xuntanza, convocada a iniciativa do portavoz de Ciudadanos, José Araujo, serviu para que o Partido Popular propuxese un Goberno de coalición aos socialistas, encabezado polo portavoz municipal desa formación, Rafael Villarino.

portavoz do Partido Popular e anterior alcalde da cidade, Jesús Vázquez, apostou por un equipo de Goberno que teña un rexedor e "polo menos" 14 apoios porque, desde o seu punto de vista, o que necesita a cidade é un Executivo estábel que resista os tres anos que quedan de mandato.

Comentarios