Gonzalo Caballero non forzará polo de agora a súa entrada no Parlamento galego

Podería facelo se demitise a número 4 do PSdeG-PSOE ao Parlamento por Pontevedra nas eleccións de setembro de 2016, María Pierres. Non o fará, segundo deixou entrever esta segunda feira en declaracións a Radio Galiza-SER. Todo apunta a que non activar de momento esa opción é parte do seu pacto con Leiceaga.

Caballero
photo_camera Gonzalo Caballero

Nas eleccións galegas de 2016, Gonzalo Caballero ía no posto número 5 da candidatura do PSdeG por Pontevedra. A formación socialdemócrata obtivo 4 escanos por esa demarcación. O último asento conseguiuno María Pierres. Caballero ficou ás portas. Polo de agora non petará nelas.

Interpelado a este respeito esta segunda feira polo xornalista de Radio Galiza-SER Xaime López, o gañador das primarias do PSdeG deixou entrever que a súa opción no curto prazo é non forzar a renuncia de Pierres para acceder a un escano que lle permitiría ter un maior grao de visibilidade política. "Ao igual que a nível federal Pedro Sánchez é o referente da esquerda neste momento e é o líder político máis valorado do país, é posíbel facer traballo político desde a organización [o secretario xeral do PSOE non ten escano no Congreso]. Hai espazos e escenarios para o facer de forma efectiva", dixo Caballero.

E a seguir acrecentou: "A miña folla de rota é traballar como secretario xeral de todos os socialistas galegos dende o partido para darlle ao PSdeG voz e forza na sociedade civil". O seu ámbito de traballo sería, por tanto, o orgánico e o social. O reparto de tarefas levaría a que da área institucional se ocupasen "os compañeiros que están no Parlamento galego e o noso portavoz naquela institución". "Esa é a folla de rota que teño marcada para o próximo tempo", engadiu Caballero, a introducir o matiz de que esa distribución de funcións entre o ámbito orgánico e o institucional podería revisarse no futuro.

Como Sermos informou no seu momento (ver o semanario 266), o pacto de Leiceaga con Caballero -en función do cal aquel deixaba o paso libre a este nas primarias- pasaba por que o economista de Noia mantivese de momento a portavocía do grupo parlamentar.

En realidade, a decisión de Caballero de non asomar a cabeza no Parlamento galego podería ser reconsiderada no tramo final da lexislatura, cando se albisque a convocatoria das urnas, axendadas para 2020. 

Antes diso, primeiro Caballero debería facerse coa candidatura á presidencia da Xunta, previo paso por un novo proceso de primarias.

Comentarios